O Club de Remos Muros e Manu Dosil protagonizan unha fin de semana histórica para o deporte muradán
Ademais do título da Liga Xuvenil da familia dos Miúdos, o deporte muradán viviu unha fin de semana histórica. O título de campións de España de Bateis na categoría cadete por parte do Club de Remos Muros, e o triunfo do local Manu Dosil no IV Dúatlon "Eleuterio Balayo" Concello de Muros, fixeron as delicias dos amantes do deporte.
Campións de España de Bateis
A patroa Irene, e os Iván, Luís, Gabolo e Gabi, da man de Dani Canosa, pasan a historia de Muros ao conseguir o triunfo no Campionato de España de Bateis en categoría cadete. O equipo acodiu á Bandeira, que tiña lugar en Teis-Vigo, acompañado por un bus fletado de familiares e afeccionados, para celebrar esta histórica fazaña.
Os costeiros superaron a embarcacións tan coñecidas como Ares, Chapela, Mecos ou Tolosaldea. Foron ademais os únicos galegos que deixaron o título n Galicia, pois no resto de categorías (infantil, xuvenil e absoluta) a Bandeira marchou para Euskadi.
Manu Dosil, profeta na casa
Espectacular o ambiente deste sábado en Muros, coa celebración deste evento deportivo de primeiro nivel, que fixo que milleiros de afeccionados enchesen as rúas de alegría e emoción.
O muradán Manuel Dosil Lago conseguía o primeiro posto da categoría masculina no IV Dúatlon "Eleuterio Balayo" Concello de Muros. Un triunfo tremendamente codiciado polo coñecido deportista local, que sacou máis de 30 segundos ao coristanqués Cristian Muíño, e minuto e algo a Isma Lago. Francisco Pais Fondo foi cuarto.
En categoría feminina María González foi a campiona, por diante de Iria Campos e Elena Miguens.
Manu Dosil e Cristian Muíño protagonizaron un fermoso Duatlon en Muros-Foto-Kurki
Novas relacionadas