Louro conta as horas para o Partido Solidario da Selección da Costa en favor da Asoc. Galega de Ataxias
Aínda coa resaca da impresionante xornada solidaria do xoves no Pinguel, o Fútbol da Costa máis social pon o foco hoxe en Agra da Figueira (Louro), onde esta tarde do sábado 30 de decembro, a partir das 16:30h, se celebra o Partido Solidario da Selección da Costa-Feminina ante o Sporting Cambre.
Un choque, organizado polo equipo de deportes de QPC, comandado por Alberto Pose e Óscar Leis, e que contará coa animación de Manuel Lago Tal (o esteirán é unha das voces máis recoñecidas do deporte no sur da comarca da man da 5FM radio) que servirá para recadar fondos para a Asociación Galega de Ataxias, e onde contaremos coa presenza da súa presidenta, a malpicá Juliana Moscoso, e o veciño de Corcubión e doente desta enfermidade rara chamada Ataxia Costa da Morte, Rogelio Antelo.
Este evento será unha nova demostración de que o Fútbol da Costa é moito máis que un deporte, é un axente social, que vertebra a Costa da Morte, e ademais un perfecto exemplo da revolución que está a acontecer no fútbol feminino costeiro nestes anos. Dende que esta xente fixo o primeiro álbum de cromos do Fútfem Galego hai apenas dous anos, pasamos de 5 a 15 os equipos femininos no Fútbol da Costa!! E o que queda por medrar!!
QPC reitera os agradecementos a todos os axentes que fan posible este evento, como son o Concello de Muros, nomeadamente á alcaldesa María Lado e ao concelleiro de Deportes Damián Torea, a UD Monte Louro, ao completo; a Real Federación Galega de Fútbol que nos permite celebrar estes choques amistosos cubrindo os seguros dos futbolistas; e á subdelegación de árbitros da Costa, agora dirixida por Manuel Espasandín, que sempre colabora con estas acccións; ao Sporting Cambre; e como non, á familia de da Asociación Galega de Ataxias.
Convocatoria e concentración
Fermosa a xornada de convivencia que ten preparada o equipo técnico do Combinado costeiro formado por Fran Figueroa, Rubén Souto e Gini Vidal. As rapazas foron convocadas ás 11:00h para facer un adestramento no campo loureán, despois irán pegar un baile na sesión vermú das Festas do Apóstolo, e a comer no San Francisco, antes de ir para Agra da Filgueira.
As “sortudas” que van vivir esta superexperiencia son:
- Adriana Siaba (porteira) de Miúdas.
- Miriam (porteira) de Cabana.
- Nuria do Seaia.
- Mai do Dumbría.
- Martina do Dumbría.
- Irene do Corme .
- Saskia do Xallas.
- Lucía do Cerqueda.
- Kelly do Dumbría.
- Fandi do Dumbría.
- Romaní do Muxía.
- Tamara do Mazaricos.
- Carla Vidal do Outes.
- María Helena do Fisterra.
- Olalla do Xallas.
- María Castro do Corcubion.
- Claudia Oanes do Ponteceso.
- Carla do Corme.
- Andrea Fisterra.
- Yasmina Xallas.
- Naroa do Victoria..
- Andrea do Ponteceso.
O partido será pitado por Vítor Recarey, David Cancela e Tiago Alonso, xa que nin Aisha nin Andrea están dispoñibles.
Sorteos
Cómpre lembrar que haberá sorteos espectaculares, como unha Noite no Faro de Lariño, gracias á colaboración de Jesús Picallo, unha camiseta da xogadora do Benfica Pauleta, gracias ao míster Fran Figueroa.