Muros adica a súa completa Mostra de Teatro a Vidal Bolaño

- “I é que nunca hai un único xeito de poñer en escena unha peza de teatro. Ou non debera. O texto, aquela parte do proceso teatral que lle é propia ó autor, é tan só un punto de partida, unha suxerencia, un pretexto. En mans dun director ou dun grupo de actores, un mesmo soporte textual pode dar pé a diferentes feitos escénicos. A tantos como directores ou actores haxa. E isto é así mesmo para o director que todo autor leva, dun xeito ou doutro, dentro. Os textos mudan en relación co espacio e co tempo, gañan e perden cousas, transfórmanse”.
Este texto do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, sérvelle ao Concello de Muros para exemplificar que estamos ante un home de teatro en sentido estrito. Autor único na escena galega, actor de grandes calidades, escenógrafo,iluminador e produtor, Vidal Bolaño non era alleo a ningún dos oficios que conforman o feito teatral.
Así, dende a Concellaría de Cultura, Deportes, Educación e Mocidade de Muros llo agradecen poñendo en escena as sáus obras. E o fai no Mes das Letras e a través da mostra que leva o nome doutro veciño finado, Pepe Agrelo.
Así a VII edición da Mostra de Teatro Xosé Agrelo, programada en colaboración con tódolos centros de ensino e grupos de teatro chega cun completo calendario de representacións, dende o día 3 de abril ao 17 de maio, no auditorio do centro cultural, coa destacada presencia de Bolaño.
O pasado día 3 realizáronse 2 funcións da obra O Kikirixote, destinadas a público escolar, cun cheo total no auditorio e a aprobación unánime dos presentes.
VII Mostra de Teatro Xosé Agrelo

- Sábado 13 de abril, ás 18:30h no Auditorio do Centro Cultural de Muros: OS MONICREQUES DE KUKAS: “O Kikirixote”.
Sinopse: Partindo de Don Quixote como elemento transgresor e inconformista co tempo que lle tocou vivir xorde o Kikirixote, que non quere ser menos e non deixa de ser unha caricatura do seu referente clásico. O Kikirixote é tenro, legal, non quere defraudar a ninguén e quere arrincar un cachiño de corazón de todos nós; e só con velo fainos soltar unha gargallada. - Venres 19 de abril, 10:30, 12:00 e 18:30 h. ELEFANTE ELEGANTE: “Nuncabunga” (infantil)- Gañador dos premios María Casares de teatro deste ano.
Sinopse: Perto do mar vive unha persoa que nun recuncho construiu o seu fogar. As súas rutinas son as súas únicas compañeiras. Un día aparece un estraño nunhas redes. Esta aparición vén perturbar a aparente calma do lugar. - Sábado 20 de abril, 21:30 h.RTA: “Gaivotas subterráneas”. Dirección: Artur Trillo. Elenco: Luis Iglesia, Xabier Deive, coñecidos sobre todo polo seu traballo na serie da TVG Matalobos.
Sinopse: Nino atopou a un home coas suas características físicas. Unha vez morto, desentérrano e vísteno con roupas e obxectos de Nino e provocan un accidente no seu coche. - Venres 26 de abril, 21:30 h. – ASOCIACIÓN CULTURAL A TURBINA “Baile de sombras”.
- Sábado 27 de abril, 21:30 h.- TEATRO GALILEO “Desfeitos”.
- Xoves 2 de maio 12:00 h.- TALÍA TEATRO: “Pequena”.
- O venres 3, ás 12:30 e o sábado 4 de maio, ás 21:30 horas será a última compañía de teatro de Vidal Bolaño, TEATRO DO AQUÍ, a que poña en escea a súa obra “Criaturas”, que a compañía quixo repoñer como homenaxe este ano.
Segue o programa da Mostra coas representacións das compañías e grupos de teatro amador e escolar:
- Martes 7 de maio, 12:30 h: AVELAÍÑA TEATRO: “Fervenza onírica”.
- Mércores 8 de maio, 10:30 e 18:30 h: OBRADOIRO DE TEATRO RICARDO TOBÍO DE ESTEIRO: “Berenguela” e CEIP RAMÓN DE ARTAZA “Todo é un conto”.
- Xoves 9 de maio, 10:30 e 18:30 h: O. DE T. CEIP DE LOURO “Aventuras dunha espiña de toxo”.
- Venres 10 de maio, 21:30 h.- O XEITO TEATRO: “Textos de Pepe Agrelo”.
- Sábado 11 de maio, 21:30 h.- GRUPO DE TEATRO MUNICIPAL DE AMES “O médico a paus”.
- Martes 14 de maio, 11:00 e 18:30 h: O. DE T. RAMÓN DE ARTAZA: “O máxico e tolo Camiño a Compostela” e GRUPO DE TEATRO CENTRO OCUPACIONAL VALADARES “A boneca esquecida”.
- Mércores 15 de maio, 10:30 e 18:30 h.- OBRADOIRO DE TEATRO DE MUROS: “O Circo”.
- Xoves 16 de maio, 10:30 e 21:30 h.- TEATRO SOLIDARIO AS INSUAS: “UniverSOS paraLELOS”.
- Pechará a Mostra o venres 17 de maio, ás 21:30 h, o grupo local AQUELANDO TEATRO, que representará a obra de Vidal Bolaño, “Integral”. Todo un reto.
O Concello ofrece unha modalidade de abono, de xeito que as persoas que compren as entradas por anticipado no Centro cultural e desexen asisitir a tódolos espectáculos terán un desconto do 50%, co que un adulto podería asistir a oito representacións polo módico prezo de 10 euros.
Novas relacionadas
- Xosé María Lema Suárez: O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio.
- Os mellores actores de Galicia son da Costa.
- Badius Teatro xa fai o sueco no Youtube:
Fonte
- Concello de Muros.