mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Concello de Muros dá a súa versión da polémica sobre a anulación da Carrilanas

Presentacion das Carrilanas 2023
A alcaldesa de Muros e o edil de deportes cos membros da Asoc. organizadora na presentación das Carrilanas 2023
O Concello de Muros dá a súa versión da polémica sobre a anulación da Carrilanas

Anunciaba esta pasada noite  a Asociación das Carrilanas de Esteiro que este ano non vai haber Gran Prix nin Festival. A entidade argumentaba o cansanzo persoal, un proceso xudicial e a falta da concreción do apoio municipal como claves para tomar esta complicada decisión de non organizar toda unha Festa de Interese Turístico Nacional (a única da Costa da Morte xunto á Romaría da Barca de Muxía).

Esta mañá, o Concello de Muros vén de enviar un comunicado asegurando "descoñece os motivos reais do comunicado" e afirmando a súa "clara a súa vontade de manter o apoio á festa e asinar de novo o convenio de colaboración a través da área de Cultura", ofrecendo de novo "diálogo" á entidade e "confiando en que Esteiro acolla un ano máis as Carrilanas no verán de 2025".

O Concello fai un relato temporal explicando que o prazo de 10 días esixido en febreiro pola Asociación para aportar documentación era "moi inferior ao que marca a lexislación nestes casos", e asegura que convocou á asociación para "concretar e avanzar" na tramitación.
Dende a entidade aseguran que levan dende novembro intentando manter a xuntanza, pero que a imposibilidade de manter unha reunión pola tarde (todos traballan fóra de Esteiro) fixo imposible realizala.

Si que estivo a rexedora na última asamblea de Asociación de Carrilanas de Esteiro, celebrada en Esteiro, e mentres o Concello afirma que "se ratificou o apoio municipal", dende a asociación aseguran que non houbo boa disposición.

Con todo, o Concello quixo lembrar que "no 2024, o concello concedeu a través da área de Cultura unha subvención de 25.000 euros", que "na semana previa á festa ata cinco traballadores da Brigada de Obras Municipal realizaron tarefas para a organización", e que lle facilitaron "material de obra e construción e permitiulle podar o recinto do Artón", ademais de poñer "a disposición da organización os efectivos da Policía Local, o GES de Muros e Protección Civil de Muros".

Máis novas

 

Comentarios