Xoves. 12.09.2024
El tiempo

Os #MaríaCasares14 serán unha homenaxe a Pico

Os #MaríaCasares14 serán unha homenaxe a Pico
Xosé Manuel Olveira Pico sera homeaxeado nos Premios María Casares 2014

Este ano a presencia da Costa da Morte nos Premios María Casares será frouxa. Frouxa en canto a nominados, pero tremendamente emotiva en canto a sentimentos e homenaxes. I é que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) decidíu rerdenlle tributo ao esteirán Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, falecido o ano pasado, concedéndolle o Premio de Honra Marisa Soto.
O galardón, a gran homenaxe dos profesionais do teatro a un dos actores máis reputados e queridos tanto polo público coma polos seus compañeiros, entregarase na cerimonia dos María Casares, que se celebrará o vindeiro xoves 27 de marzo no Rosalía de Castro da Coruña, coincidindo co Día Mundial do Teatro.

"Pico" únese así a esta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Xan Cejudo, Dorotea Bárcena, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Luís Álvarez Pousa, Manuel Lourenzo, Pilar Pereira ou a desaparecida Sala Nasa.

"Non era un actor calquera"

“Para a tropa de actores e actrices deste país, Pico era unha persoa especial que deixou pegada en todos nós.”

Así define o presidente da AAAG, Avelino González, o intérprete de obras tan lembradas como As actas escuras, O bufón de El Rei ou O florido pénsil. González, ademais, recoñece que a intención da AAAG era concederlle o galardón na edición anterior, mais foi imposible por mor da enfermidade. “Era algo que lle debiamos”, sinala o presidente da entidade, que conclúe lembrando que Pico “só provocaba afectos”.

Traxectoria profesional de Xosé Manuel Olveira ‘Pico’

Nacido en Esteiro (Muros), terra de mariñeiros, Pico preferiu subir a un escenario antes ca a un barco.

A súa traxectoria artística comezou nos anos setenta, cando á profesionalización do teatro aínda lle quedaba moito traballo por diante para ser unha realidade. O seu vínculo coa escena principiou no ano 1972, no seo de DITEA (Difusión de Teatro Afeccionado). Até ben entrado os oitenta, Pico participou en quince montaxes da agrupación, até que no ano 1985 comezou a traballar con asiduidade co novísimo Centro Dramático Galego (CDG).
Ese ano, formou parte do elenco d’A noite vai coma un río, obra de Álvaro Cunqueiro e dirixida por Xúlio Lago. O homenaxeado este ano co Premio Marisa Soto converteuse nun dos intérpretes que máis traballou na institución de teatro público, ao participar en máis de vinte das súas producións. Nas montaxes A Lagarada, A piragua, O ano da cometa, Ricardo III ou Noite de Reis, Pico amosou algúns dos seus mellores traballos.

Unha das súas derradeiras interpretacións no CDG chegoulle en 2010, ano no que por fin se representaba a obra As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño. Interpretaba a Don Mauro, o ilustrado sacerdote encargado de investigar a finais do século XIX e por mandato do Cardeal Payá, a autenticidade dos restos do Apóstolo atopado na catedral. Outro dos papeis máis lembrados no seu vencello co centro viuse en O Bufón de El Rei (1997), na que encarnaba o protagonista da única peza teatral escrita por Vicente Risco.

Fóra do teatro institucional, Pico traballou dende 1987 en compañías profesionais como O Moucho Clerc, Kukas Produccións, Teatro do Aquí, Produccións Máximas, Lagarta Lagarta ou Teatro de Adro. Entre os directores cos que traballou, destacan Xan Cejudo, Rodrigo Roel, Quico Cadaval, Marcelino de Santiago, Vidal Bolaño, Avelino González ou Cándido Pazó.

Unha marea de premios

Xosé Manuel Olveira Pico recollendo un premio

Polas súas incursións teatrais, Pico colleitou un total de 4 Premios María Casares, tres como protagonista: Si o vello Sinbad volvese ás illas (2002), Binomio de Newton (2003) e Kafka e a boneca viaxeira,  concedido o ano pasado. Ademais, acadou o galardón na categoría de actor secundario por Calígula. Os Premios da Crítica de Galicia tamén recoñeceron a súa carreira artística en 2012 no ámbito das Artes Escénicas.

Na Tele

Pico era o cura Don Amancio en Mareas Vivas

Para o público televisivo, Pico converteuse nun dos actores máis coñecidos polos seus papeis en series como Mareas Vivas, onde interpretaba o cura de Portozás, e sobre todo polo seu rol do avogado Pedro Barreiro na célebre Pratos combinados. Na serie Padre Casares volveu vestir sotana para lle dar vida ao Bispo. Tamén participou en Un mundo de historias ou O Nordés e participou como personaxe episódico en Matalobos e en series estatais como El comisario e Hospital Central.

No Cine

Pico en Simbad

Participou en máis de vinte producións cinematográficas. Debutou en Eu, tolo (1982) ás ordes de Chano Piñeiro, co que repetiría en Sempre Xonxa (1989). Posteriormente traballaría en Huídos (1993), de Sancho Gracia; El Rey del Río (1995), de Gutiérrez Aragón; El pianista (1998) de Mario Gas, ou en A lingua das bolboretas (1999), de José Luís Cuerda, co que volvería traballar en Los girasoles ciegos.

Co cambio de século, formaría parte de elencos como o de Entre Batea, de Jorge Coira; O ano da carracha, tamén de Coira; Mar Adentro de Amenábar; Retornos, de Luís Avilés; Celda 2011, de Daniel Monzón, ou Doentes, de Gustavo.

A súa derradeira participación no cinema foi da man de Alejandro Marzoa na película Somos xente honrada (2013). Xose M. Olveira Pico no filme Retornos

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios