Polémica en Muros tras uns insultos homófobos no derbi

O derbi deste sábado no Eleuterio Balayo entre Muros e Monte Louro está tendo un profundo eco. As declaracións nas redes sociais do dianteiro loureán Iker Lado, nas que denuncia uns insultos homófobos do capitán celeste, están provocando unha profunda polémica na vila.
Segundo sinalan fontes loureás, Javi "Pelos” lanzaría insultos homófobos durante o partido a Íker. O xogador loureán avisou ao seu adestrador no descanso, momento no que o club loureán se formulou a posibilidade de non saír a xogar a segunda metade. Con todo, e instados polo propio xogador, o equipo saltou ao campo a disputar a segunda metade. O colexiado non sinalou nada na acta.
A familia muradá non xustifica os insultos pero si critica as provocacións do dianteiro loureán. Con todo, o club foi claro nas redes sociais pedindo desculpas: “Dende o C.D. Muros reiteramos as desculpas xa trasladadas por parte do noso presidente a Iker, ao equipo, á directiva e ao corpo técnico da U.D. Montelouro. Condenamos firmemente o sucedido e deixamos claro que non representa os valores do noso club. O fútbol no noso pobo debería vivirse sempre dende o compañerismo e o respecto”.
Igualmente tanto o club como o xogador están solicitando poder acodir ao longo da semana a Agra da Filgueira a desculparse persoalmente.
Pola súa parte, o Monte Louro só quere apoiar as declaracións do seu xogador “ao mil por cen”, pero non quere facer máis declaracións.