Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Relevo xeracional no mar de Muros: “As nefastas políticas pesqueiras e a incerteza laboral acaban con nós”

  • “Indo ao mar cóbrase máis que nun taller, ou un camareiro”
Nasas-para-pulpo
A campaña do polbo está sendo fatídica
Relevo xeracional no mar de Muros: “As nefastas políticas pesqueiras e a incerteza laboral acaban con nós”

Falabamos a semana pasada con varios profesionais do mar de Malpica para analizar a situación actual do sector pesqueiro. Hoxe facemos a ruta ata Muros, outro dos puntos onde a pesca e o marisqueo son un verdadeiro axente económico, e cultural.

”Ao meu modo de ver, non o hai, en ningún dos postos, nin nos postos técnicos (patrón ou motorista) nin de mariñeiros”, responde Primitivo Pedrosa á pregunta de se hai ou non hai relevo xeracional no mar de Muros. “No marisqueo, que ten algo máis de difusión, si que está tendo algo máis, pero a pesca non”, distingue.

Entre as causas, o patrón do M. Rosa 2, destaca a “nefasta política pesqueira” que repercute nas insuficientes cotas para as nosas embarcacións de pesca artesanal, e directamente na “incerteza laboral”. En todo caso, ten claro que do mar pode vivir ben, sobre todo os postos técnicos.

Nun barco cómpre diferenciar por exemplo a figura do “pesca”, que é fichado tal cual o dianteiro goleador polo patrón da embarcación, e que se convirte en responsable de traer peixe; tamén está o “costa”, o responsable de levar o barco dun lado para outro, que rondan os 2.000-3.000€. Pero un tripulante dunha embarcación da pesca de artes menores, ten un soldo variable, xa que, como nos contaban en Malpica, normalmente vai “aparte”, (“ó quiñón coma se dixo sempre”, explica Primitivo). Deste xeito, as cifras poden oscilar, dependendo se é un ano bo ou malo, de entre 15.000 e os 25.000€, cando hai poucos anos nunca se baixaba dos 20.000.

Primitivo Pedrosa
Primitivo Pedrosa, patrón do M. Rosa 2

Jose Antonio Rama, secretario da Confraría, reitera que “na baixura cóbrase dependedo do que se pesque, pero normalmente se defenden ben. Indo ao mar cóbrase máis que nun taller, ou un camareiro”, deixa claro a pesar de que haia armadores que non reparten tan igualitariamente coma outros.

Políticas pesqueiras

As cotas volven ser nomeadas en Muros como un dos grandes problemas para a pesca artesanal. “Miras os cupos da xarda e meten medo. Levamos anos pelexando, pero parece que temos a batalla perdida, porque non temos ninguén que nos defenda”, lamenta lembrando o entregado traballo de Ana Miranda no Parlamento Europeo, unha acción que el mismo puido comprobar, pero que realmente en poucas cousas se traduce.
Si que valora, por exemplo a consecución, por parte do propio BNG, a aprobación da “coxestión no 30% das zonas litorais” seguindo a liña do formulado no seu día na Reserva Mariña dos Miñarzos, considerada por Pedrosa como a “pedra filosofal para as Lei de Coxestión Pesqueira que existen xa en Portugal, nas Baleares, e aquí a deixamos esmorecer…”. Queda no aire a idea da Gran Reserva Mariña da Costa da Morte, pero mentres non haia unión no sector será imposible.

Igualmente lamenta a “mala política de recuperación de especies, como o pulpo. Levamos anos sufríndoo, pero este está sendo horrible. Non hai plan. As políticas pesqueiras son as que están jodendo ao sector”, sentenza.

Confirma a situación o propio Rama. "Xa levamos uns anos moi mal co pulpo, levamos pedindo veda moito tempo, pero se non nos poñemos dacordo, non hai nada que facer, porque hai confrarías que non están dacordo. Muros, Lira, Fisterra… pedimos 3 meses, e logo hai outras do sur que non queren nin 1 mes".

En todo caso, Primitivo deixa patente que "a Consellería ten a xestión absoluta sobre as vedas do polbo, por exemplo, (xa podía ser coxestión) e aínda que nos pidan a nosa intención é a responsable do que pase".

As cifras da caída

”Na pesca de baixura de artes menores, sen contar os 50 de marisqueo, temos menos da metade dos barcos que hai 10 anos. Quedan 15 barcos”, repasa Rama.

As cotas provocaron tamén circunstancias surrealistas coas bandeiras, xa que houbo algún arrastreiro, que se pasaron para Portugal por temas da cotas. “Temos armadores de Muros, que teñen polo menos 15 barcos portugueses, e só veñen para xarda. Están moito máis cómodos coa cota de Portugal”.

Visibilización

Pedrosa non entende por que se visibiliza tan pouco a pesca artesanal a nivel social en Galicia. “Por que a TVG non fai un programa especial da pesca? É moi pouco visible, e mira que engancha, é case como unha droga”, pregúntase. E pon exemplos como os programas de “pesca radical” que teñen feito en Canadá ou Alaska e ata vemos aquí, e sabemos o que cobra un mariñeiro. “Aí si fixeron unha boa promoción con eses programas de impacto. Parece que aquí queremos agocharnos”.

A presencia de estranxeiros

Unha das cousas que están salvando o sector é a presencia de man de obra estranxeira. “Na baixura nos aguantamos só coa xente local, e iso que moitos tivemos que baixar o número de tripulantes por barco, ante a incerteza das cotas. Estamos traballando ao 70% por culpa das cotas, e iso vai en detrimento dos postos de traballo”, explica.

Así e todo, “dende que comezou a crise, a xente de aquí volve un pouco ao mar, polo que a día de hoxe, a xente do mar estamos saíndo gracias a extranxeiros. Aquí en Muros unha comunidade de senegaleses, e tamén algún de Mauritania, e peruanos, claro”.

Denuncia tamén as trabas para poñerse a traballar no mar. “A esixencia de formación é moi alta no mar. Unha persoa para entrar a traballar, entre permisos, prácticas… botas un lote de tempo sen cobrar…”, sinala explicando por que moitos rapaces tampouco se lanzan ao mar.

O marisqueo

Mariscadores a flote Muros copia
Mariscadores a flote de Muros. Foto: Fresco y del mar

Rama recoñece que hai que diferenciar entre o marisqueo e a pesca. “O marisqueo vai a máis. Se puideramos ampliar, ampliábamos, e os mariscadores que non atopan aquí, van a Noia”. Entre as causas, define que hai diferencias entre os outros traballos. “No marisqueo teñen un soldo fixo, é un traballo distinto, gañan tanto ou se cadra máis, pero non van ao mar. En dúas horas teñen o xornal feito, sen embarcar”.
Nese sentido, a pesca “é máis irregular que o marisqueo, que ademais é máis cómodo”, e moito máis axeitada para a conciliación. “No marisqueo podes compaxinar coa túa vida persoal, se tes un neno podes esperar a saír a deixar o neno na escola. O barco déixate en terra”.

Novas relacionadas

 

Novas sobre a Pesca artesanal

 

Artigos da serie Calafateando

 

Outras novas

Comentarios