A Santa Ana de Muros e as parturentas

A tradición cristián dinos que Santa Ana estaba casada con San Xoaquín, e que eran os pais da Virxe María, nai de Xesús.  Para saber deles hai que acudir aos evanxeos apócrifos onde se dan detalles da súa vida.

A Santa Ana tense por patroa das mulleres embarazadas, i en Muros ténselle moita devoción.  De feito, ata fai poucos anos había unha imaxe da Santa na capela da Virxe do Carme, e que séculos atrás estaba na anterga parroquial de San Pedro, no seu altar maior. Agora, a escultura forma parte do museo parroquial que se creou na ex-Colexiata de Santa María do Campo.

A imaxe, esculpida en pedra, e policromada totalmente con cores diversos, é de estilo tardo-gótico; de vulto redondo  naturalista, froito das progresións que foi sufrindo o facer dos artistas dende o século XII ao XV. A imaxe vese mutilada. Faltan a cabeza do Neno Xesús e a da Virxe María. Conservase agora dentro dun camarín de cristal, polo que non puden comprobar si a pedra pudera ser alabastro, que é un tipo de pedra branca e translucida, parecida ao mármore, nin tampouco comprobar si na traseira da imaxe ten algunha marca do taller na que se esculpiu.

As referencias mas antigas sobre a imaxe dánolas¨D. Antonio López Ferreiro (1837-1910), e D. Pablo Pérez Costanti (1857-1938), que estudaron a acta da visita pastoral que realizou a Muros o visitador enviado polo Arcebispo de Santiago, en abril de 1547.

O Sr. Pérez Costanti nas súas “Notas Viejas Galicianas”( «Una visita a las iglesias de Muros y otras, en 1547» en: Notas Viejas Galicianas, T. III), dedica un capítulo a esta visita na que o contador-visitador D. Alonso de Velasco, (clérigo e reitor da igrexa parroquial de San Xoán de Mazaricos e home moi meticuloso co seu traballo), fai unha descrición do estado, así como inventario dos elementos litúrxicos existentes.

Na visita a igrexa de San Pedro (26 de abril de 1547), o visitador Velasco escribe: “<<Iglesia de San Pedro.  Visitada en 26 de abril de 1547, el altar mayor es de piedra grande consagrado.  Tiene un retablo de mármol pequeño con ciertas ystorias de bulto y encima del una ymagen de San Pedro de bulto con una ropa de seda verde morisca (además las imágenes tambien de bulto de Ntra. Sra. Con el Niño Xesús en los bracos, Sta. Catalina y San Antonio) y en lo alto de las espaldas del retablo un crucifixo de madera grande y las imagenes de Ntra. Sra. y San Juan.”>>.

Do relatado na acta da visita, o Lcdo. Velasco non identifica a imaxe de Santa Ana como tal, pero sí da o dato de que no altar maior había dúas imaxes da Nosa Señora, cousa improbable, xa que litúrxicamente non cabe que no mesmo retablo -en calquera igrexa católica de calquera parte do mundo-, se teñan dúas imaxes da mesma advocación. A imaxe que o Lcdo. Identifica como a de “Ntra. Sra. Con el Niño Xesús en los bracos”, é a de Santa Ana.  Na foto que acompaño vese como a cara da santa correspondese coa de unha muller adulta, e non como a da Virxe María, quen foi nai con moi poucos anos.

Tamén o historiador D. Antonio López Ferreiro na súa serie Galicia Histórica (nº 3, 1901, pp 36-37), fai referencia a esta visita pastoral do Lcdo. Velasco, sinalando que a igrexa de San Pedro tiña un “retablo de mármol pequeño con ciertas historias de bulto”. López Ferreiro sostén que os retablos foron traídos de Italia, debido as relacións comerciais existentes con Galicia.

Da Santa Ana de Muros, -patroa das parturentas-, hai unha historia que ten que ver co seu brazo.  Como se pode ver na foto,  o brazo dereito é un engadido en madeira –tamén policromada-.  En algún momento, a imaxe veuse desprendida do brazo, e optouse por repoñelo, pero en madeira, e de forma que se pudera extraer facilmente.  De feito vese que ten unha especie de cravo a altura do cóbado. Pois ben era de costume –moi de antes-, que cando unha muller estaba para dar a luz levábase este brazo para a habitación da parturenta, para así, coa presenza da “reliquia”, axudase a traer con ben o neno-nena que ia ver a luz.  Cóntanme que a última das persoas encargadas de levar o brazo ás casas, era un señor que vivía no barrio do Carmen e que se chamaba Pepe Leal, (fillo dunha señora que me din que se chamaba Lourenza), e que este señor tamén se encargaba de recoller as esmolas para facer anualmente unha pequena festa no adro da capela.

Unha anécdota foi a relacionada con un parto de fai 47 anos, no que unha veciña da parturenta foi a capela do Carme, púxolle unhas velas a Santa, i en vez de coller o brazo de Santa Ana colleu a man da imaxe do Corazón de Xesús.  Levouna a habitación da futura nai e colocoulla na súa espalda...  Gustaríame saber si colleu a man do Corazón de Xesús porque non estaba o brazo de Santa Ana, ou ben, se levaba a man da Santa para que o nacido fora nena, e a man do Corazón de Xesús para que fora neno.  Por mais que preguntei non oubo que me dera razón da man, pero sí moito do brazo de Santa Ana.

 

Outros artigos de Manuel Lago Álvarez