Domingo de Ramos, papas comamos!!

(e si son de arrós... mellor para nós)
(e si son de millo... mellor para o embigo)
(e si son de fariña... mellor para ir curando a tiña)
Hai en Muros unha antiga tradición de comer papas o Domingo de Ramos. I é así, porque as tradicións non hai que perdelas, pois fan que viva e perdure o patrimonio inmaterial dos pobos,
Seguindo unha antiga tradición á que non é posible pór data certa, en Domingo de Ramos, os muradáns temos por costume comer papas de arroz. Certo que se comen en calquera momento do ano, pero as do Domingo de Ramos queren ter unha especial razón... E así, ao saber dos máis anciáns, as papas que se comen en Ramos buscan o efecto de que a partir dese día, as formigas non entren nas casas.
Fora ou non fora, a tradición non se perde, e ano tras ano seguimos consumindo as saborosas papas (e tamén papas de arroz) na data na que rememoramos a entrada do Señor na cidade de Xerusalén. Pero neste devir acerca das papas de Ramos, non todo foron alegrías para os muradáns.
Das varias veces en que a Vila foi asaltada por diferentes exércitos, foi concretamente o Domingo de Ramos do ano 1809 (26 de marzo), cando a Vila sufriu o máis duro asalto que coñeceu a súa historia. As tropas francesas a saquearon e incendiaron, deixando ao seu paso morte e destrución. Foron 186 as casas que foron totalmente destruídas polo lume e xunto con elas, os valiosísimos arquivos do Consistorio e os máis dos escribanos da Vila.
Os únicos edificios respectados polas tropas francesas foron os relixiosos. Sorte, malia a desgracia, xa que así chegaron ata os nosos días os arquivos da Colexiata, que refiren unha inmensidade de datos que nos permiten acercarnos á historia da Vila. Ese 26 de marzo de 1809, as papas de Ramos dos muradáns tornaron amargas, pero o tempo foi capaz de facer olvidar tan infausta data, e ao andar dos anos xa non se comían as papas en Ramos murmurando entre dentes "morte ao francés", senón na espera de celebrar co corazón aberto ao perdón, a Paixón, Morte e Resurrección do Señor.
- Manuel Lago Álvarez, Manolo de América
Outros artigos de Manuel Lago Álvarez
- A Casa de Baños de Muros.
- A Avenida de Bos Aires de Muros
- A división territorial de Muros en 1836
- O reloxo de sol da rúa Ancha
- A Banda de Música de Muros.
- O Xuíz e os touros.
- O Tren a Muros
- Curiosidades muradanas: Mariñeiro agredido con un bastón, no ano 1754
- Muros: o motín de 1899
- O beato de Arias de Presno e a Campa Santa
- Muros, 1846: o axustizamento de Ginés Mato
- O brazo perdido e atopado