Usuari@s dos Centros de Día e as Escolas Infantís amosan o seu apoio á folga das traballadoras
Foi unha xornada que serviu para comprobar que as familias e usuari@s dos Centros afectados pola folga apoian ás demandas das traballadoras. A meirande parte son conscientes de que todo isto tamén lles afectará, coa supresión de servizos, e o cambio de profesionais coas que tratar.
”De momento, ninguén contactou connosco para iniciar a negociación co comité de folga, que é obrigatoria”, sinala Alvite. En todo caso, os sindicatos do Comité de Empresa non apoian as mobilizacións e mesmo “están negociando as bases da OPE que nos botará á rúa antes de regularizar os nosos contratos ilegais”, lamentan dende a CNT, o sindicato convocante.
”Falamos de máis de 1000 mulleres as que estamos nesta situación de abuso, que dificilmente podemos arriscarnos a perder os nosos empregos para quedar ao borde da dificultade extrema para saír adiante”, denuncia a Asociatem, que lembra ademais que “Directivas Europeas expresamente prohiben a contratación temporal continuada como tivemos todos estes anos. Pero o señor Feijoo non ten escoitado falar a Europa neste punto, e nada sabe do fragrante incumprimento de tales directivas”.
Ante esta situación piden “xustiza e cordura para non perder os nosos postos de traballo e non desmantelar a rede de servizos municipais e comarcais dos centros do Consorcio, dos equipos ben formados e da forte implantación social e territorial que temos”.