O alumnado do CEIP Vilarmide despediu o curso de visita por Allariz e os Canóns do Sil
Non hai que ir cruzar o Atlántico ou a península para ver cousas bonitas. Así o entende o profesorado do CEIP de Vilarmide - Eduardo Noya, que levou ao seu alumnado de 5º e 6º do CEIP de Vilarmide - Eduardo Noya, de excursión de fin de curso a Allariz, unha das vilas mellor coidadas do país.
Acompañados polo consexe, Sergio Senlle, e a mestra Luisa Gerpe sairon o luns cedo cara a vila ourensá. Antes de chegar ao seu destino embarcaron nun catamarán para admirar os Canóns do Río Sil.
Tras instalarse no camping O Invenadoiros iniciaron un roteiro guiado polo casco histórico, o Museo da Moda e o Museo do Xoguete.
O martes colleron un bus para visitar o santuario de Santa Mariña de Augas Santas, o Castro de Armeá, admirar os bosques autóctonos e escoitar a importancia que teñen para mellorar o medio ambiente. Pola tarde montaron a cabalo, visitaron o Museo do Coiro e realizaron unha visita libre polo casco histórico para comprar recordos e tomar un xeado.
O mércores antes de regresar, visitaron o Festival Internacional de Xardíns, este ano co título “A Volta ao mundo en once xardíns” e chegaron, agotados tras tanta actividade, ao cole xusto a tempo para comer e despedirse (algúns con bágoas xa que deixan de ser alumn@s do colexio) dos compañeiros, profes e coidadoras.
Foi unha xornada moi emotiva. E unha excursión que sempre recordarán.