Sábado. 21.09.2019
El tiempo

Os anos 60 da Romaría da Virxe da Barca, no Museo do Pobo Galego

Esta foto da Pedra de Abalar de Gustav Henningsen está na exposición do Museo do Pobo Galego
Esta foto da Pedra de Abalar de Gustav Henningsen está na exposición do Museo do Pobo Galego
Os anos 60 da Romaría da Virxe da Barca, no Museo do Pobo Galego

O doutor en antropoloxía Gustav Henningsen chegou a Galicia en 1965 cunha bolsa da Universidade de Copenhague, co fin de investigar para a súa tese crenzas e tradicións vinculadas á historiografía da bruxería. Durante tres anos percorreu pobos e aldeas xunto á súa muller Marisa, achegándose a todo tipo de tradicións, ritos e prácticas ancestrais, que recompilou nunha valiosa documentación fotográfica e oral.

Unha das súas paradas foi a Romaría da Virxe da Barca, como recolle a mostra “Galicia Máxica: Romarías e santuarios” que alberga o Museo do Pobo Galego. O director do Museo, o muxián Manuel Vilar invítanos a comprobalo, e a degustar as 4 imaxes que a mostra ten da romaría muxiá ou, por exemplo, da romaría dos Milagres de Caión, aproveitando a coincidencia no tempo do peche da exposición coa celebración destas dúas romarías.

Romaria da Barca de Muxia ano 1966-Foto de Gustav Henningsen

Na exposición inclúense catro fotos da romaría da Virxe da Barca. Nas imaxes podemos ver unha vista xeral do santuario e outras imaxes nas que se mostran aos romeiros nos rituais de abalar a pedra e de pasar por debaixo da pedra dos Cadrís.

Lembra Vilar que “o santuario e a romaría da Virxe da Barca ten chamado a atención dos estudosos e dos literatos desde tempos atrás. Son coñecidas as referencias de Juan de Villafane, Antonio Riobóo e Seixas ou do Padre Sarmiento. Tamén escritores como Gonzalo López Abente, Ernesto Guerra da Cal ou poetas como Rosalía de Castro (co poema de sobra coñecido incluído en Cantares Gallegos) ou, xa no século XX, Federico García Lorca, quen non chegou a estar en Muxía pero deixou pegada da romaría en Seis poemas galegos. Poderíase destacar tamén a breve nota que sobre a pedra de Abalar publica en 1925 a revista Man do Royal Institute of Anthropology de Londres. Esta atracción continúa e así o demostran as fotos do propio Gustav Henningsen ou máis recentemente o estudo dos folcloristas americanos Eugene Valentine e Kristin Bervig Valentine (por citar só dous exemplos de fóra)”.

Aberta ao público ata o próximo 22 de setembro

A mostra fotográfica de Gustav Henningsen, que se poderá ver ata o próximo 22 de setembro, abarca un percorrido por máis de 80 imaxes nos que se pode contemplar como as romarías combinan o carácter sacro e o profano.

Novas relacionadas

Novas de fotografía antiga

Artigos relacionados

Comentarios