Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Carlos Fdez. Concheiro (BNG Muxía): "O alcalde demostrou incapacidade para entenderse, incluso cos seus"

Coñecemos de primeira man as propostas do BNG de Muxía para devolver á normalidade á vida municipal, tras esta convulsa lexislatura. Facémolo co candidato, Carlos Fernández Concheiro.
Carlos Gonzalez Concheiro BNG Muxia 2023
Carlos González Concheiro, candidato do BNG Muxia 2023
Carlos Fdez. Concheiro (BNG Muxía): "O alcalde demostrou incapacidade para entenderse, incluso cos seus"
  • QPC: Por que se ten posto tan agria a vida política municipal? Que se pode facer para relaxala?

O alcalde demostrou durante estes catro anos a súa incapacidade para entenderse, xa non digo coa oposición, senón incluso cos seus. En Muxía estamos a sufrir unha administración sectaria, inspirada pola idea de que se non es dos meus, es o meu inimigo, que confunde o seu partido co concello. 
As redes sociais do concello deben ofrecer información útil para a cidadanía e recoller demandas dos veciños e veciñas. Teñen que deixar de ser un medio de propaganda e un arma contra quen critica, lexitimamente, a xestión municipal.

O alcalde debe exercer o seu labor de moderador dos plenos municipais para permitir un debate sosegado que interese á cidadanía e non a avergoñe, desprestixiando a xestión política.

O que se pode facer é o que fixo nestes catro anos o Bng, tratar de poñer o interese dos veciños por enriba de preitos cativos e políticas partidistas, sendo capaz de mediar cos adversarios políticos para sacar adiante os POS e os orzamentos que perigaban pola actitude de obstinación de quen debería ser o máis interesado en dialogar.

  • QPC: Valoración desta lexislatura

Unha oportunidade perdida. Unha mostra de ineptitude, de falta de visión e de talento para desenvolver o concello. Unha lamentable mostra da peor face da política, facendo dos plenos espectáculos denigrantes; de incoherencia: como se pode dicir que se pretende desenvolver o turismo mentres se teñen os contedores cheos de lixo cheirando diante dos establecementos, as aldeas abandonadas sen servizos, nin auga nin saneamento, as fecais vertendo nos nosos ríos por falta de depuradoras, os camiños sen sinalizar, o patrimonio abandonado, a biblioteca pechada, a artesanía e a industria tradicional abandonadas? A lista é moi longa. O resumo é a xestión dalguén incapaz de entenderse nin co seu propio equipo, un exemplo de caos organizativo, de autoritarismo e caciquismo que non se vía desde a chegada da democracia; a xestión de quen vive constantemente nun mundo virtual no que o fai todo ben mentres o concello real se desmorona cacho a cacho. 

Este goberno converteu a Muxía nun lugar único na Costa da Morte.  Somos únicos porque carecemos de programación cultural digna de tal nome, por ser o único concello da Costa sen museo do mar, polo Multiusos con pingueiras e cos equipamentos ciscados nun estado lamentable e polo polideportivo que hai que fechar cada vez que chove; polo estado das nosas rúas e estradas; únicos por permitir que desapareza o secadoiro tradicional de congro que é parte da nosa identidade e da nosa paisaxe; pola desastrosa xestión económica da axuda a domicilio; únicos por acumular informes negativos da intervención municipal que cuestionan, unha e outra vez, o xeito en que se gastan os cartos de todos e todas; únicos por ter unha normas urbanísticas de hai máis de trinta anos xa que o Plan Xeral redactado polo anterior goberno, do que por certo formaba parte o actual alcalde cunha dedicación, foi  anulado polos tribunais. Nestes catro anos fixéronnos únicos, mais sinceramente, cremos que Muxía merece moito máis. Outros catro anos desta xestión serían unha condena inxusta para o concello de Muxía.

  • QPC: Que cousas fundamentais quedaron sen facer?

A lista é interminable, porque durante estes catro anos fíxose menos do mínimo, a pesar de ter orzamentos e POS aprobados e un remanente herdado de case 4 millóns de euros no banco. O principal que está pendente é poñer este concello a andar e organizalo e que deixe de ser un exemplo de caos. Está pendente de solucionar o saneamento de moitas parroquias. Está pendente o desenvolvemento dunha auténtica política de protección social. A adopción dunha auténtica política de vivenda. Pendente tamén o apoio real da nosa artesanía e industria. Está pendente volver a ter unha programación cultural e unha biblioteca aberta; un verdadeiro plan de desenvolvemento do deporte; un plan de promoción dos nosos recursos naturais e patrimoniais.  Está pendente a licitación dos provedores municipais, o mantemento de infraestruturas e instalacións, tantas cousas…

Xa non é que quedaran cousas sen facer, é que en Muxía produciuse un evidente retroceso en todos os ámbitos e moi especialmente nas formas democráticas que nos protexen do autoritarismo e do clientelismo.

  • QPC: Que teriades pensado en clave de abastecemento, un problema continuo no Concello?

No noso programa aparece dun xeito destacado o proxecto de conectarnos coa traída da Mancomunidade, recadando financiación das distintas administracións, para estender a rede de abastecemento de auga, único xeito de solucionar definitivamente este problema que se pode agravar no futuro. Traer auga en camións cisterna non é a solución, é dilapidar os cartos se non se adoptan outras medidas.

  • QPC: Cales son as novidades e os puntos fortes da vosa candidatura?

O principal é que nós sempre estivemos aquí, e sempre loitamos polo que agora outros van dándose conta de que é esencial: sempre estivemos onde se loitou por defender os servizos públicos como a sanidade, a educación ou a atención aos nosos maiores, o noso patrimonio, fronte aos partidos que defenden a privatización e expolian os recursos. O noso principal punto forte é o exemplo dos concellos gobernados polo Bng: convértense en exemplo de xestión, de innovación e de aproveitamento de recursos, en lugares admirados incluso pola xente que nunca fora votante deste partido: falamos de Allariz, de Pontevedra, pero tamén de Carballo, de Zas, de Mazaricos. 

Non teño ningunha dúbida de que o noso é o mellor equipo, formado por xente con experiencia pero no que ten un grande protagonismo a xente nova. Con xente traballadora e honesta que coñece a fondo os problemas dos veciños e das veciñas de Muxía. Xente que loita por manter as súas explotacións gandeiras, que tenta vivir do mar, que sufre a emigración e os traballos precarios ou que reivindica un ensino, unha sanidade e uns servizos de calidade para o rural. Xente que sabe que se pode construír un concello e un país soñado. A xestión política é unha cuestión de traballo, organización e talento e a nosa candidatura reúne estas condicións.

Lista do BNG de Muxia con Ana Ponton
Lista do BNG de Muxia con Ana Ponton
  • QPC: Cal é o voso proxecto para o Concello?

Queremos un concello no que todos e todas teñamos os mesmos dereitos e oportunidades votemos a quen votemos; onde a xente nova quede a vivir, estudar e traballar e no que os maiores teñan servizos sociais de calidade.

Queremos conservar o patrimonio natural e cultural. Faremos de Muxía un referente do turismo cultural e de natureza  protexendo o noso patrimonio etnográfico, recuperando as feiras tradicionais e sinalizando os vellos camiños. Negociaremos a cesión da xestión do faro de Touriñán para crear un centro de interpretación do traballo do percebe e da reitoral da Barca para instalar un museo do mar e da terra e a sede permanente da oficina de Turismo.

Habilitaremos áreas de autocaravanas, ou apoiaremos iniciativas nese sentido, para evitar o aparcamento ilegal que está a degradar espazos de grande riqueza natural e proporcionaremos accesos e servizos axeitados ás praias. Subvencionaremos a roza e repoboación con especies autóctonas das franxas de protección contra incendios forestais. Elaboraremos un plan urbanístico que deteña o deterioro da nosa riqueza natural e arquitectónica e que permita obter solo para equipamentos públicos.

Queremos asegurar os equipamentos e servizos básicos e a vivenda. Estenderemos o saneamento e o abastecemento de auga, conseguindo financiación para a conexión coa Mancomunidade, para solucionar definitivamente o problema. Priorizaremos o mantemento das pistas e estradas que conectan as aldeas e as utilizadas no traballo do percebe, para o que se creará unha brigada municipal de obras. Queremos uns servizos sociais de calidade que vaian máis alá dos agasallos de Nadal ou da organización de festas. A creación dun centro de día que atenda aos nosos maiores e ás súas coidadoras é imprescindible;  tamén organizar e estender o servizo de axuda a domicilio, optimizando os recursos, a atención ás persoas en risco de exclusión social. Crearemos un servizo de formación orientado ao emprego moito máis amplo e ambicioso que o actual. Está pendente unha mellor atención aos nosos nenos, ampliando os programas de conciliación e creando o de madrugadores. ofertaremos unha bolsa municipal de vivendas de aluguer non estacional, pondo en contacto a propietarios e inquilinos e aplicaremos unha política de vivenda que, a través de fondos europeos permita por un lado a rehabilitación de vivendas tradicionais e polo outro que esas vivendas se poñan a disposición dos nosos xoves para que se establezan no concello.

Queremos apoiar os sectores produtivos tradicionais. Colaboraremos coa universidade para buscar novos recursos no mar e novas formas de explotar os xa existentes e fomentar a formación e innovación. Apoiaremos ás industrias tradicionais como os secado de congro, a pesca sostible, a apicultura ou o percebe e as actividades empresariais que poñan en valor os nosos produtos, mais, tamén a artesanía e as artes plásticas. Apoiaremos a declaración de Patrimonio Inmaterial da Humanidade do encaixe e solicitarémolo tamén para os secadoiros de congro. Investiremos parte dos ingresos que o concello recibe polo canón eólico subvencionando a estes sectores e ás pequenas explotacións gandeiras. 

Queremos investir en cultura e educación. Colaboraremos cos centros educativos para atender ás súas demandas e para solicitar á Consellaría a implantación de ciclos formativos adaptados á demanda dun modelo produtivo cambiante. Ofertaremos bolsas de traballo cualificado para a xuventude formada. Poremos en marcha un plan real de promoción do deporte nas parroquias e no pobo promovendo a participación de rapazas e rapaces, e organizando eventos, especialmente náuticos ou relacionados co noso entorno, que supoñan un retorno económico desestacionalizado. Adecentaremos e dotaremos de equipamentos o polideportivo e as pistas municipais e crearemos un ximnasio en condicións para que abra alomenos 12 horas diarias.

Comentarios