Unhas cifras para repensar o Camiño
Reflexionou este sábado a comarca no Parador da Costa da Morte sobre o impacto económico do Camiño Fisterra-Muxía. O encontro, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía en colaboración coa Deputación da Coruña, puxo o foco na expansión e internacionalización da ruta e os retos de cara ao Ano Xacobeo 2027.
Ademais de varios representantes do sector cultural e hostaleiro, tomaron a palabra vicepresidente e titular de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, inauguraron unha xornada na que tamén se debate sobre proxectos dos concellos que transforman o territorio; o labor das técnicas de turismo municipais, que son maioría; a visión internacional dos modelos de comunicación, promoción e cooperación transfronteiriza de Irlanda, Reino Unido e Portugal; cultura, comunidade e innovación, e financiamento para o turismo sostible.
Co horizonte do Xacobeo 2027, Xosé Regueira reflexionou sobre os retos que deberá afrontar o sector. “Eu agardo”, desexou, “que sexa outro ano récord; no económico pero tamén para o sector turístico”. “Pero temos que ver tamén onde están as dificultades e que debemos facer para superalas”. “Este Camiño, e sobre todo Fisterra”, afirmou, “vai a ser un dos puntos onde se poña en marcha unha cuestión para nós fundamental, que é empezar a facer intelixencia turística: a recoller datos para saber despois que facer con eles e que estratexia marcar para que os proxectos se consoliden”.
Segundo eses datos, que os alcaldes dos concellos da ruta xacobea costeira xa lle transmitiron ao vicepresidente, polo Camiño Fisterra-Muxía pasan 300.000 peregrinos e peregrinas. Isto obriga as Administracións públicas a deseñaren estratexias para que estes visitantes tamén deixen un retorno económico nos concellos, que ademais son pequenos, de maneira que poidan ofrecer mellor servizo e e tamén mellorar a experiencia das persoas visitantes.
Outras cifras
Cómpre, en todo caso, completar as cifras coas que sempre ofrece Xosé Merelle, Director Xeral de Turismo, cando se achega pola comarca. No que vai de ano, máis de 528.000 camiñantes recolleron a Compostela, dos cales, 27.784 fixeron o Camiño Primitivo e case 3.000 o Fisterra Muxía, aseguraba a semana pasada.
Segundo os seus sensores instalados en distintos puntos, desde agosto a novembro deste ano, 11.638 peregrinos continuaron a súa experiencia ata Muxía e 28.470 ata Fisterra. Ademais, o volume de peregrinos con respecto ao total de visitas a cada concello é do 7,8% en Muxía e do 27,7% en Fisterra nese período.
Do mesmo xeito, o director de Turismo salientou que entre xaneiro e outubro 132.013 viaxeiros visitaron Costa da Morte, realizando 281.280 noites en establecementos hoteleiros da zona. Deles, 38.896 foron turistas internacionais.
As conclusións son crúas, en todo caso: Hai o doble de turistas en Fisterra e Muxía de agosto a novembro que en toda A Costa da Morte (16 concellos, incluidos Fisterra e Muxía) de xaneiro a outubro.

