Xoves. 03.10.2024
El tiempo

A fotógrafa Lee Miller protagoniza o mes de xuño da Galería Mulleres

Lee Miller na Galeria mulleres
A fotógrafa Lee Miller protagoniza o mes de xuño da Galería Mulleres

A fotógrafa Lee Miller (Poughkeepsie, Nova York, 1907 - Chiddingly, Reino Unido, 1977), protagoniza o mes de xuño da Galería Mulleres, ese proxecto da Biblioteca da Muller de Muxía, co que Viki Rivadulla quere ir repasando a historia en clave feminina.

Foi famosa modelo de Vogue e favorita para os fotógrafos de moda, pero esa vida era demasiado baleira para ela. Marchou a París a estudar técnica fotográfica con Man Ray. Fixo tamén de modelo para el mentres aprendía e mesmo realizou moitas das fotografías de moda que el asinaba. Contribuíu ao movemento surrealista con fotografías que deconstruían os estereotipos femininos- todo o contrario que as fotografías de moda que lle tomaban. Logo abrirá o seu propio estudio en Nova York.

En 1944 uniuse ás tropas estadounidenses como corresponsal de guerra, a única muller xunto con Germaine Krull que desenvolveu este traballo, pasando moitos perigos. Rebuscou o outro lado da guerra cunha visión feminista (mulleres soldado, mulleres anónimas traballando na retagarda, mulleres rapadas…).Lee Miller sabía da violencia contra as mulleres, fora violada canda nena.

O exército británico non permitía que as mulleres acompañaran ás tropas, pero ela saltou as normas e entrou na localidade sitiada de St. Malo para capturar a destrución.

Tamén fotografou a morte e a desolación nos campos de concentración. A experiencia dos campos de exterminio cambiou a Lee que nunca volveu ser a mesma.

As súas imaxes son de gran relevancia para coñecer a cultura visual e a historia da época. O seu labor contrasta co expresionismo abstracto que triunfaba nese momento (da man de artistas masculinos) e que fuxía da realidade.

É icónica a súa fotografía na bañeira de Hitler o mesmo día en que este se suicidaba- ela preparouna e disparou a cámara o seu compañeiro David E. Sherman - colándose na casa nun acto subversivo de celebración do fin do horror , como símbolo de triunfo , tomando o espazo do asasino nazi. Xunto á bañeira, estratexicamente colocado o uniforme de Lee Miller e as botas cubertas de terra e as cinzas dos mortos de Dachau (onde foran asasinadas máis de 30.000 persoas, torturadas por ser xudías, homosexuais ou sacerdotes católicos polacos).

A historia da arte encapsulouna como musa de Man Ray, ocultando todo o inxente labor desta artista valente e rompedora que explorou técnicas como a solarización (hai quen afirma que foi un achádego dela), retratou o horror dunha sociedade en guerra e creou imaxes surrealistas que rompen coa obxectualización da muller e misoxinia deste movemento.

Galería Mulleres Muxía

Fonte

Comentarios