Martes. 19.03.2024
El tiempo

Ma Rayne: A Galería Mulleres de Muxía lembra á Nai do Blues para celebrar 9 anos de historia en nome de muller

A Galería Mulleres de Muxía, da man da Biblioteca da Muller, e de Viki Rivadulla, continúa repasando a historia en clave feminina. E cumple este mes de marzo 9 anos facéndoo, achegándonos a historia de máis de 100 mulleres. E para que vexades a disparidade de realidades, pasamos dun mes de febreiro no que lembrou a Mercedes Queixas Zas, a un mes de marzo en clave de blues.

Galeria Mulleres marzo 2019 Ma Rainey
Galeria Mulleres marzo 2019 Ma Rainey
Ma Rayne: A Galería Mulleres de Muxía lembra á Nai do Blues para celebrar 9 anos de historia en nome de muller

Gertudre « Ma» Rainey, foi unha pioneira e a persoa responsable de inspirar a varias xeracións de mulleres do blues; recibiu o seu título de «nai do blues» antes de realizar a súa primeira gravación.En 1904, casou co cantante de comedia William “Pa” Rainey e os dous formaron unha banda. Ma Rainey chamaba a atención coa súa posta en escea. Lucía perrucas de crin salvaxes e levaba moedas de ouro no pescozo, plumas de avestruz e tiña os dentes dourados que brillaban cando cantaba. Pero o máis cautivador esa a súa enorme e impoñente voz, e a súa forma de cantar. A música de Rainey serviu de inspiración para músicos,poetas e, incluso, Alice Walker considerou a música de Ma Rainey como un modelo cultural da feminidade afroamericana cando escribiu a novela gañadora do Premio Pulitzer, The Color Purple.

Conta Angela Davis no libro “Feminismos negros” que as cantantes negras de blues resistíanse a reflectir nas súas letras traxectorias femininas marcadas pola resignación e a impotencia. Ao contrario, as súas letras estaban infestadas de referencias á independencia feminina, ao control sobre os seus desexos, ao exercicio libre da súa propia sexualidade. Non eran só as letras. As súas traxectorias vitais estaban salpicadas por estes escenarios construídos á marxe da moral dominante. O blues das mulleres, en xeral, non achandou o camiño á idea (que si aparece de varias formas no country blues masculino) de que os homes collesen a estrada e as mulleres recorresen ás bágoas. As mulleres que cantaban blues non ratificaron, como era costume, a resignación e a impotencia femininas, nin aceptaron a relegación das mulleres aos espazos privados e íntimos.

Canto á sexualidade, estas mulleres do blues non tiñan reparos en proclamar o desexo feminino. As súas afirmacións de autonomía sexual, así como as expresións abertas do desexo sexual feminino, dan voz ás posibilidades de igualdade, nun momento histórico no que non se articulaban en ningún outro lugar. O blues feito e cantado polas mulleres e a política cultural vivida polas raíñas do blues nas súas carreiras, colocaron na axenda da historia estas novas perspectivas. Prove It on Me Blues [Blues «Terán que probalo»], composto por Gertrude « Ma» Rainey, retrata precisamente á muller que afirma a súa independencia con respecto ás normas ortodoxas da femineidade, alardeando descaradamente do seu lesbianismo. O anuncio do lanzamento ao mercado de Prove It on Me Blues mostraba á blueswoman lucindo un chapeu, unha chaqueta e unha gravata de home tentando, como se vía claramente, seducir a dúas mulleres nunha esquina, mentres a miraba un policía.

As interpretacións do blues clásico feitas por mulleres (especialmente as de Bessie Smith) eran un dos poucos espazos culturais nos que resultaba habitual falar en público sobre a violencia masculina. A urxencia contemporánea por romper o silencio que rodea á violencia misóxina e o movemento político organizado que se enfronta á violencia contra as mulleres ten un precursor estético na obra das cantantes de blues clásico.

Galería Mulleres Muxía

Fonte

Comentarios