Domingo. 16.06.2024
El tiempo

"IxMuxía nunca ocultou a súa intención de conseguir formar un goberno alternativo"

Independentes por Muxia
"IxMuxía nunca ocultou a súa intención de conseguir formar un goberno alternativo"

O vitivismo acostuma convertirse nun mecanismo de defensa das persoas que se atopan absolutamente acorraladas polos seus actos. Xentes que, a pesar de mirarse no espello e facer autocrítica, se agazapa no argumento do “todo o mundo está en contra de min”. Unha situación que se dá en varias figuras de alcaldes ou alcaldesas, que lanzan a ameaza da moción de censura. Esquecendo que se trata dunha medida perfectamente democrática cando o concello se atopa nun momento de caos, e ás veces, de vergoña allea, utilizan os seus medios para criticar á oposición por alentar un cambio de goberno.

Lanzou esa curioso argumento a rexedora de Cee durante a pasada lexislatura, e estas semanas é o alcalde de Muxía, Iago Toba, o que alenta este discurso.

Hoxe, ante as palabras de Iago Toba, o grupo de Independentes por Muxía cre convinte aclarar certas cousas e veñen de redactar un comunicado.

O grupo lamenta que o rexedor, que en marzo aseguraba que “non lle temía a moción de censura porque é un instrumento democrático e regulado”, no último pleno celebrado o 16 de maio “adicou máis tempo a falar dunha suposta moción de censura, que a debater e permitir o debate sosegado dos puntos incluidos na orde do día.”

O grupo da oposición lembra que “xa na pasada lexislatura, e ó pouco de acadar unha nova maioría absoluta, o PSOE de Muxía desmembrábase co abandono de catro dos seus concelleiros deixando un goberno en minoría. Xa daquela, o Sr. Alcalde recorría a unha posible moción de censura, (imposible de levar a cabo legalmente pola lei anti transfuguismo) enfrontándose a quen o aupou como número un do PSOE muxián e aos que foron os seus compañeiros de partido, así como a toda a oposición durante a campaña electoral do 2023 dicindo que o pacto estaba feito, tanto nas redes sociais como nos seus mitins”.

”Hoxe e, novamente”, continua no comunidado IxM, "tras unha deficiente xestión económica (tres exercicios con déficit orzamentario), dilación permanente no tempo de obras (estrada Leis- Vimianzo, auga de Suxo, ponte de Vilachán, traída de agua Pasantes-Morpeguite...), ineficacia para xestionar servizos (contratos en precario, retrasos no pago do SAF...), contratación irregular de obras e servizos (máis de 600.000 euros en facturas sen asignación orzamentaria no ano 2023...) abandono de infraestruturas (punto limpo, estradas, Río Negro, recollida de lixo...), e constantes faltas de respecto e desprezo ós concelleiros e a legalidade, con denegacion da información solicitada pola oposición, así como non executar acordos plenarios (incluso votados favorablemente polo seu grupo), insultos e descalificacións persoais, volve o Sr. Alcalde á carga cunha nova e suposta manobra escura para botalo da alcaldía”.

E vai máis alá o grupo: “IxM nunca ocultou nin a súa intención nin os seus obxectivos: conseguir formar un goberno alternativo para poder facer unha eficiente xestión dos recursos municipais, así como atender as demandas da veciñanza dun xeito adecuado e riguroso. Non se pode falar, por tanto, de maniobras escuras ou de intereses ocultos cando, dende o inicio da lexislatura, IxM presentouse como unha opción de cambio”.

”Así”, afirman con rotunidade, “este partido mantivo e seguirá mantendo conversas co resto dos grupos da oposición como fixo ata o de agora en relación ás enmendas e propostas presentadas conxuntamente, dada a falta de diálogo e de información co grupo de goberno. Os posibles acordos ós que cheguen os grupos da oposición sobre unha hipotética moción de censura non deberan ser unha gran preocupación para o Sr. Alcalde. O que sí debería preocuparlle é facer uns orzamentos para o que queda do 2024 (que xa non fixo no 2019, 2021 e2023), licitar o SAF, rematar as obras de Suxo, Leis, Frixe, Santuario da Barca, etc., mellorar a recollida de lixo, ser máis dialogante, atender ós veciños no despacho municipal e mellorar o seu comportamento nos plenos”.

Finalmente, pídenlle que se dedique “a dialogar; que deixe de fomentar a crispación entre a veciñanza, e que abandone unha actitude vitimista que, lamentablemente, é a que o caracteriza”.

Máis novas

Comentarios