Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Katherine Johnson, da NASA á historia na Galería Mulleres

cartel Katherine Johnson Galeria Mullers Muxia
Katherine Johnson, da NASA á historia na Galería Mulleres

”A vida loita pola igualdade non pode nin debe deterse nunca. Mesmo é máis necesaria en situacións de especial vulnerabilidade”. Así entende Viki Rivadulla esta situación de confinamento polo que non cesa en seguir espallando a importancia de repasar a historia en clave de feminina, como fai a Galería Mulleres, que vén de cumplir 10 anos, dende a Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Este mes de abril, falamos de Katherine Johnson (Estados Unidos, 1918-2020). Física, científica espacial e matemática estadounidense. Fixo posible que os astronautas regresasen á Terra das súas viaxes polo espazo. Primeira muller afroamericana en ir á Universidade de Virginia Occidental a estudar un doutorado. Referente na NASA polo seu asombroso talento na navegación astronómica.

Desde moi nena, Katherine mostrou un excepcional talento para as matemáticas que a levou, con 15 anos, a entrar na Universidade Estatal de Virginia Occidental. En tan só 3 anos licenciouse suma cum laude en Matemáticas (e francés) .Nese mesmo ano foi contratada como profesora e en 1.952 decatouse de que o Comité Asesor de Aeronáutica (futura NASA) estaba a contratar para o Departamento de Guía e Navegación no Laboratorio Langley de Hampton (Virginia) a mulleres afroamericanas como calculadoras humanas dos datos extraídos das caixas negras das aeronaves. Katherine empezou a traballar alí no verán de 1953. Foron os seus cálculos os que axudaron a que a misión Apolo XI chegase a bo porto e a que Neil Armstrong pisase a Luna (1969), pero tamén os que fixaron a traxectoria da primeira viaxe ao espazo dun estadounidense, Alan Shepard (1961).

Cando a Nasa empezou a usar ordenadores para a misión en que John Glenn orbitou a Terra por primeira vez (1962), pedíronlle a Katherine verificar os cálculos da máquina. John Glenn, antes de comezar o histórico voo orbital, esixiu que ela revisase os datos. "Se ela di que son bos", dixo, "entón estou listo para partir". Katherine sería coñecida como a matemática que asegurou o éxito da misión que marcou un punto de inflexión na carreira espacial entre EE. UU e a URSS. En 1970, traballou na misión do Apolo 13 á Lúa. A nave sufriu unha avaría grave despois do lanzamento e tivo que ser abortada. O traballo de Katherine foi clave para que a tripulación regresase a salvo á Terra.

Traballou máis de trinta e tres anos na NASA. Foi coautora e/ou autora de 26 informes de investigación, considerados dos máis importantes da NASA e recibiu innumerables galardóns, aínda que o seu traballo mantívose oculto por moito tempo. En 2016 Margot Le Shetterly publicou o libro Hidden Figures: The American Dream and the Untold Narrativa of the Black Women Who Helped Win the Space Race, onde se narra a súa vida. Tamén nese mesmo ano presentouse ao público a película Hidden Figures que foi nomeada a un Óscar. En setembro de 2017, a NASA bautizou un novo edificio de investigación co nome de Katherine G. Johnson Computational Research Facility.

Nunha época na que ser muller e científica en EE. UU. xa presentaba as súas propias dificultades, ela enfrontábase ademais ao desafío de ser afroamericana nun país no que moitos estados tiñan aínda vixentes leis que buscaban perpetuar a segregación entre brancos e negros. Foi pioneira en moitos sentidos.

10 anos da Galería Mulleres Muxía

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios