Muxía intenta normalizar o diálogo
- A corporación salvará o POS nun pleno este luns a condición de que se rebaixe o ton e que se negocie os vindeiros POS
Despois de meses de circo plenario, semella que a corporación muxiá está intentando volver á normalidade, ao diálogo. A semana pasada celebrábase unha Comisión entre o alcalde, o socialista Iago Toba, cos voceiros de PP, dos non adscritos e do BNG.
Foi o propio BNG o que presentaba unha proposta para sacar adiante este Plan de Obras e Servizos da Deputación (redactado unilateralmente polo goberno en minoría do PSOE), con varias condicións: que se negocie o POS Adicional, así como o resto de POS da lexislatura, e que se rebaixe o ton da oposición.
PP e os non adscritos aceptaron a proposta, polo que o pleno deste luns (había 10 días de prazo) servirá para pechar este apartado, salvar o medio millón de euros deste POS e comezar unha nova etapa.
Así o consideran Monica Vilela e Manuel Caramés, voceira e edil dos non adscritos, que se ben lamenta que non se puideran engadir propostas ao actual POS (a pesar de que a convocatoria para a Comisión si que engadía o apartado “suxerencias”), agradece o “diálogo” vivido na reunión. “Xa vai tempo que facía falta que se puidese falar”, recoñecen. “É bo para o Concello, é bo para nós, que tamén somos veciños”. Aínda non ratificaron o seu apoio á moción, pero case con seguridade que non se oporán.
A voceira do PP Sandra Vilela, pola súa parte, valora positivamente o acordo e a rebaixa do ton cara a oposición, “que se deixe de insultar, que se deixe de atacar persoalmente”. Pide, ante todo, que se traballe con “lealdade”, “unha palabra clave que saíu varias veces na comisión”. “Estamos contentos, a pesar de que non era o POS para Muxía, pero aí queda patente a nosa idea de negociar”.
En breve sae outro Plan da Deputación, así que pronto saberemos que este cambio de actitude é real.
Novas relacionadas
- 04-05-21: Muxía, outro exemplo de circo plenario ás costas da veciñanza.
- 19-03-21: Pleno de Muxía: Insultos e berros nun novo esperpento político:
- 04-02-2021: A oposición muxiá deixa aprobar o POS+ a pesar da “falta de consenso” do alcalde.
- Xaneiro 21: Lage Tuñas tamén amosa o "respaldo explícito" da Dirección Provincial ao refundado PSOE muxián.
- Agosto 2020: Javier Romar Alvarellos e Olalla Benlloch forman o novo goberno de Muxía.
- Xullo 2020: 4 edís socialistas pasan ao grupo dos non adscritos.
- Xullo 2020: Catro edís socialistas piden perdón por “ter posto de Alcalde de Muxía” a Iago Toba.
- Xullo 2020: Mar de fondo nos grupos socialistas de Muxía e Ponteceso.
- Xuño 2020: Primeira crise no grupo socialista muxián.