Muxía presenta o seu primeiro Ciclo de Teatro Afeccionado
• O programa inclúe o intercambio con outras escolas dramáticas da provincia e renderá homenaxe ao labor formativo da Escola Municipal de Teatro de Muxía.
O Concello de Muxía vén de presentar de xeito oficial o seu primeiro Ciclo de Teatro Afeccionado, unha programación cultural que nace coa vocación de poñer en valor o traballo das compañías locais e enriquecer a oferta de lecer do municipio durante os meses de xuño e xullo. Todas as funcións terán lugar no Salón do Voluntariado ás 21:00 horas, cun prezo de entrada simbólico de 1€.
Esta nova iniciativa non só busca ser un escaparate para os actores e actrices da casa, senón tamén unha plataforma de intercambio cultural. Grazas a esta rede de colaboración, os grupos muxiáns viaxarán para actuar noutros concellos, mentres que Muxía acollerá a compañías convidadas de formacións veciñas como Cee, Camariñas ou Vedra.
A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou a importancia de apoiar este tipo de proxectos dende as institucións: "Este ciclo é moito máis ca unha sucesión de obras; é unha reivindicación da nosa identidade e do enorme potencial que temos na casa. A nosa Escola Municipal de Teatro é o corazón cultural de Muxía, un espazo onde se respira paixón, esforzo e dedicación en cada ensaio. Con esta nova iniciativa, queremos que a veciñanza sinta o orgullo de ver medrar aos seus artistas e, ao mesmo tempo, abrir as portas a un intercambio enriquecedor con outras escolas que sen dúbida nos fará medrar a todos."
Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Javier Sar, subliñou o compromiso do goberno local coa dinamización e co nacemento de novas propostas para o municipio: "Dende o Concello apostamos firmemente por estender e diversificar a nosa oferta cultural con iniciativas estables e de calidade como este primeiro Ciclo de Teatro Afeccionado. Queremos agradecer especialmente a Artur Trillo, director da Escola Municipal de Teatro, polo seu traballo incansable e o seu compromiso absoluto coa formación dramática en Muxía. O teatro afeccionado fai comunidade, une ás persoas e demostra que Muxía está moi viva culturalmente. Convidamos a todos os veciños e visitantes a encher o Salón do Voluntariado e apoiar esta gran estrea."
Programa
Calendario de funcións (Todas ás 21:00h no Salón do Voluntariado excepto a do grupo infantil que será 20:00h):
• 13 e 14 de Xuño: Delicatessen – Escola Municipal de Teatro de Muxía.
• 16 de Xuño: O rei das espadas – Grupo Infantil da escola municipal de teatro de Muxía
• 27 de Xuño: Segredos, enganos, verdades e mentiras – Escola Municipal de Teatro de Cee.
• 3 de Xullo: O velorio de Pepe "O Charamuscas" – Linguas de Trapo Teatro (Camariñas).
• 11 de Xullo: Lévame ao paraíso – Andaravía Teatro (Asoc. Cultural Papaventos de Vedra).