Nova fin de semana en ruta pola Costa da Morte

Nova fin de semana de sendeirismo na Costa da Morte, unha práctica tremendamente en alza, e así o demostra ver polas corredoiras da zona centos de camiñantes cada fin de semana. Dúas son as propostas continuas, e dúas son as citas para esta fin de semana. Os trasnos farán a sétima e penúltima etapa do Camiño dos Faros o venres 6 de decembro, mentres que o domingo será a Asociación Senda Nova a que dirixa unha ruta polos Ríos de Sofán.

7ª etapa do Camiño dos Faros

Adiantan os trasnos ao venres 6 de decembro, festivo, a sétima e penúltima etapa deste Camiño dos Faros entre Muxía e a Praia de Nemiña con 24 km, na que pode participar todo o mundo. Só hai que aparecer no punto de quedada en Nemiña ás 8:00 da mañá. Dende aí un bus (a 3€ de custe) levará aos trasnos ata o comezo da ruta, en Muxía, para ao remate xa ter os coches preparados.

Xa temos percorrido con Traski esta 7ª etapa, que ten 24 km e que é a etapa raíña de montaña do Camiño dos Faros. Do quilómetro 2 ao 12 é un continuo subir e baixar os montes Cachelmo, Buitra e Pedrouzo. A partir de Moreira a etapa suavízase ata chegar a Touriñán e Nemiña.

Ruta polos Ríos de Sofán

Senda Nova artella un novo roteiro no marco do programa II Outono en Marcha. Desta volta, o domingo 08 de decembro toca polos Ríos de Sofán. O percorrido foi deseñado por Jose M. Menéndez e percorrerase por primeira vez esta fin de semana.

Serán un total de 21km pola parroquia, Sofán, que á historia pasou como Sofán das Mártires, por un sanguento episodio que tivo lugar en 1919, no marco da mortífera gripe española e das loitas agraristas, e no que catro mulleres, unha delas embarazada, foron asasinadas pola garda civil no enterro dun meniño.

A ruta discorrerá pola ribeira dos dous ríos que vertebran a parroquia, o Carral e o Bardoso, nun traxecto no que podemos atopar máis dunha vintena de muíños, que nos dan conta da riqueza etnográfica da parroquia. Pasarase tamén por un curtidoiro dos anos 20, que aínda en funcionamento e que vende para pel curtida para todo o norte peninsular; por tres castros (nun deles, o de Guntián, dise que se erguía no pasado unha torre medieval) e por unha cova da que as lendas din que chegaba até o mosteiro de Soandres.

A saída será ás 8:00h do Concello de Laracha e de Coristanco, e ás 8:15h do Pazo da Cultura de Carballo.

Os compañeiros de Turismo Carballo cóntannos todos os pormenores da ruta.

Últimas novas

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).