Luns. 29.04.2024
El tiempo

A oposición de Muxía únese ao completo e berra “xa basta” ante os circos plenarios

Sofia Lopez PP Merce Barrientos BNG e Javier Sar IxMuxia
Sofía López (PP), Merce Barrientos BNG e Javier Sar (IxMuxía) presentando un escrito común no Rexistro Municipal
A oposición de Muxía únese ao completo e berra “xa basta” ante os circos plenarios

Volveu ser unha boa feira o pleno da pasada semana en Muxía, tras 4 horas de descalificacións e discursos ilarantes. Un feito que volve unir á oposición, que por primeira vez ao completo, redacta un escrito común para presentar no rexistro.

 Os grupos municipais do BNG, IxM e Pp de Muxía veñen de presentar unha moción plenaria conxunta, na que solicitan que se proceda á aprobación dun Regulamento de Organización Municipal (ROM) do que se achega un borrador para o seu informe e aprobación.

"A motivación desta proposta conxunta é a de dotar ao concello dunha ferramenta que evite as eivas no deber de transparencia e rendemento de contas e que permita que se respecte á veciñanza e o traballo dos grupos da oposición", explican.

O ROM regulará –entre outros- algúns aspectos como os tempos de intervención dos distintos grupos municipais nos plenos. "Deste xeito trátanse de evitar os monólogos interminables e repetitivos, as intervencións para falar sobre temas que non están na orde do día, as interrupcións constantes á oposición e as faltas de respecto e alusións persoais que ven protagonizando o Sr. Toba", explican.

Entende os tres grupos políticos que "é intolerable que os plenos se teñan que interromper pasadas as 12 da noite –é a segunda vez que ocorre en tres meses- e que se deixen sen tratar puntos da Orde do Día tan relevantes como as “Mocións Urxentes” (que tiveron que ser pospostas para tratalas no vindeiro pleno de dentro de dous meses) ou os “Rogos e Preguntas”. Consideramos esta actitude unha falta de respecto á veciñanza, que asiste para ver a resposta que se da ás súas demandas e que ten que marchar de madrugada sen que se traten os temas que os preocupan".

"Converter os plenos en circos para as redes sociais é unha estratexia política coa que se pretende que non se fale dos verdadeiros problemas dos muxiáns nin se permita a labor da oposición de propoñer melloras e exercer o control ao goberno. As alusións a temas persoais e faltas de respecto que se veñen producindo son inadmisibles e so pretenden tapar a boca á oposición muxiá e esconder a indolencia e falta de dilixencia na xestión do actual goberno. Coa presentación desta proposta dicimos BASTA XA!", berran dende toda a oposición.

Comentarios