Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os secadoiros de congro chegarán á Fitur

Os secadoiros de congro chegarán á Fitur

Representantes da Asociación de Turismo Rural Muxía Natural, xunto co Alcalde de Muxía, Félix Porto Serantes, viaxarán a Madrid a vindeira semana, para levar a FITUR o patrimonio cultural do municipio muxián. Dentro desta presentación teñen un protagonismo especial os secadoiros de congro, xa que está previsto facer unha presentación conxunta co Concello de Calatayud, que terá lugar o xoves 18, ás 17:30 horas, no pabellón de Galicia e na que se mostrará a artesanía de secado do congro que se mantén viva, hoxe en día, unicamente en Muxía.

Unión de culturas a través do congro

Muxía e Calatayud están unidas por algo tan emblemático dos dous municipios como é o congro seco. Tras este peixe curado artesanal e exclusivamente en Muxía, e degustado como prato típico en Calatayud atópase unha razón histórica que relaciona a ambos municipios: antigamente en Calatayud manufacturábanse cordas para barcos que ían a diferentes portos para comercializalas. Estas cordas pagábanse en especie co congro curado que chegou a convertirse no prato estrela da cociña bilbilitana.

>Hoxe é en Muxía no único lugar no que seguen activos os secadoiros de congro, polo que o congro que se prepara en Calatayud é congro de Muxía. Esto fai que estes dous lugares tan lonxanos teñan unha relación histórica . Por este motivo a Asociación de Turismo Rural Muxía Natural propuxo ao Concello de Muxía facer esta presentación conxunta en FITUR na que tamén participará o Concello de Calatayud.

"Descubre Muxía"

Ademais, o Concello de Muxía, xunto coas casas de turismo rural presentarán alí un politríptico do "Programa Descubre Muxía", no que se mostra a relación de Muxía e Calatayud a través dos secadoiros de congro, presentase a “ruta dos secadoiros de congro” e uns paquetes turísticos dos establecementos que integran a Asociación de Turismo Rural Muxía Natural.

Logo desta primeira presentación haberá outra no Pabellón de Aragón organizada polo Concello de Calatayud e na que tamén participará o de Muxía.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios