Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Policía Local de Muxía incorpórase ao sistema de loita contra a violencia machista "Vioxén"

O alcalde, Iago Toba, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, na sinatura do protocolo.
O alcalde, Iago Toba, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, na sinatura do protocolo.
A Policía Local de Muxía incorpórase ao sistema de loita contra a violencia machista "Vioxén"

O Concello de Muxía e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a incorporación da Policía Local deste municipio ao sistema Vioxén de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde Iago Toba e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo.

A Xunta Local de Seguridade aprobou o protocolo de convenio que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presencia da Policía Local no sistema Vioxén. Este protocolo, asinado inicialmente polo alcalde e a subdelegada, será remitido ao Ministerio para a súa validación e posterior sinatura por parte do Director Xeral do Ministerio de Interior e facer efectiva desta maneira a participación de Muxía neste operativo.

O sistema Vioxén permitirá á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo ou leve, mentres que a Garda Civil encárgase do seguimento dos casos máis graves.

Este protocolo establécese trala creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que están presentes a Policía Local e a Garda Civil e que ten como finalidade principal aunar esforzos na loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo trasladou ao alcalde o seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas e que culminarán coa incorporación da Policía Local ao sistema Vioxén.

Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar a coordinación e a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Por outra parte, os representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estatística relativa á seguridade cidadá no municipio. Dadas as circunstancias especiais derivadas da crise sanitaria do COVID-19, nos primeiros seis meses deste ano houbo unha reducción do 20% nas infraccións penais, se ben esta porcentaxe ten que ser considerada dentro do excepcional estado de confinamento existente nos meses de marzo, abril e maio nas súas distintas fases do estado de alarma.

De esta maneira a proxección do índice de criminalidade no concello de Muxía neste ano 2020 sitúase en menos de 14 delitos por cada mil habitantes, o que representa cinco puntos inferior ao rexistrado en 2019, que foi de 18,68 delitos por cada mil habitantes, moi lonxe da media provincial, de 31,8 delitos.

A subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nestes meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas..

Comentarios