Urxen ao Concello a xestionar a restauración dos secadoiros de congro
Son un verdadeiro tesouro patrimonial, un auténtico Recuncho da Costa, pero o seu estado é perigoso.
Os secadoiros de congro de Muxía sufriron o impacto deste inverno e varios están a piques de esfolarse. Ante esta situación, a voceira do BNG, Mercé Barrientos, entende que "o Concello debe de tomar medidas claras para preservar os valores culturais desta actividade”.
Así, vai presentar unha moción incitando ao Concello a xestionar a restauración dos secadoiros de congro, a chegar a acordos coas familias propietarias dos elementos etnográficos, ademais de solicitar axudas a outras administracións públicas para garantir a conservación do patrimonio paisaxístico, cultural e etnográfico ligado a estas instalacións.
Na iniciativa, a formación nacionalista tamén propón promover desde o Concello unha investigación sobre o secado do congro como sistema de conservación, o proceso de adquisición, o procesado e comercialización, a relación histórica con outros lugares, a importancia económica e social na historia muxiá, a súa relación co traballo das mulleres, os materiais empregados e as técnicas propias no proceso de secado.
Así mesmo, o BNG considera que hai que contemplar a dotación de recursos estruturais para favorecer que se poida seguir secando congro en Muxía, como actividade económica ou con fins educativos, aberto á veciñanza, estudantes e persoas visitantes, para integrar esta riqueza patrimonial no circuíto cultural local.




