Venres. 26.04.2024
El tiempo

O PP ofrece, tras formalizar as sancións, a vía das subvencións para salvar os secadoiros de congro de Muxía

Ecocina secadoiros congro muxia
Hai apenas 4 meses que se celebrou no secadoiros un showcooking organizado pola Xunta nos propios secadoiros que hoxe, segundo Sanidade, non cumplen as normativas europeas
O PP ofrece, tras formalizar as sancións, a vía das subvencións para salvar os secadoiros de congro de Muxía

Terrible o xogo político que se fai cando hai un movemento social importante. Porque a realidade é que a resposta social á proposta de sanción da Consellería de Sanidade aos secadoiros de congro artesanais de Muxía está sendo espectacular. A campaña “Eu apoio os Secadoiros de Congro de Muxía” está demostrando un apoio tremendo a estes mecanismos artesanais vinculados co noso mar, e os propios partidos políticos buscan o seu espazo.

O alcalde socialista xa se posicionou dende o primeiro día do lado das familias, como era evidente. O BNG foi o primeiro en presentar varias propostas no Parlamento Galego aproveitando a ocasión, e tamén pensando no rédito político.

Ao que colle todo iso en fóra de xogo é ao PP, pois a posta en dúbida dun oficio con máis de 600 anos de antigüidade e que agora coidand dúas familias da vila, sitúa á voceira local entre a espada e a parece, entre a veciñanza e a súa xefatura.

Esta mesma semana chegáballe a unha das familias unha sanción da Consellería de Sanidade de 6.000€, a pesar de que o actual herdeiro non recibira o aviso de ter que ter presentado uns papeis. A Xunta asegura que as familias teñen que cumprir unha serie de medidas sanitarias para adaptarse ás esixencias que establece a normativa europea e así poder continuar coa súa actividade.
Mentres, as partidas de congro recén seco están paralizadas, á espera (ocorréuselles 600 anos despois de comezar a actividade), de que a Consellería de Sanidade proceda a facer unha análise que determine si ese produto pode venderse.

Ante a resposta social da campaña o PP intenta cambiar o foco e os mesmos que propoñen sancionar e acabar cos secadoiros artesanais agora ofrecen as axudas que todo o mundo coñece como grandes propostas para salvalos.

Pouco acertadas parecen as palabras de hoxe da voceira Sandra Vilela, que agora quere intentar facer ver que “o Goberno Autonómico sempre se tratou de salvagardar o futuro da actividade” e que “agradece a mediación do Goberno Autonómico para buscar a maneira de que a empresa afectada poida seguir adiante coa súa actividade respectando as directrices sanitarias que establece a normativa europea”. Para Vilela, é suficiente con que que “a Xunta ofreza axudas económicas”, as clásicas que todos coñecemos e que poucos se atreven a solicitar, no canto de ofrecer solucións reais.

Dende o entorno das familias lamentan tanto movemento estratéxico mentres e o único que piden é que as deixen traballar en paz, como fan dende hai tantos anos. Mentres, traballan tamén para conseguir a súa catalogación e conseguir así unha protección patrimonial máis que xustificada.

NOVAS RELACIONADAS SOBRE OS SECADOIROS

Comentarios