Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Muxía e os secadoiros de congro

Os últimos congros pendurados no secadoiro da Pedriña
Os últimos congros pendurados no secadoiro da Pedriña, intervidos por Sanidade, nunha foto do propio Xan. Fdez.
Muxía e os secadoiros de congro

Moi afoutados tiveron que ser os primeiros habitantes que de maneira permanente se asentaron na península de Muxía para soportaren os embates do mar nos días de temporal que azoutaban esta estreita lingua de terra que penetra no océano, fronte ao impoñente Vilán. Os monxes bieitos de Moraime foron os que autorizaron este asentamento e lles permitiron construír as primeiras vivendas os pé do monte Corpiño.

A simbiose que se daba noutros portos da zona entre a agricultura e a pesca, en Muxía non era posible porque a escaseza de solo para o cultivo e a exposición aos ventos e outras adversidades meteorolóxicas que afectan a esta rochosa península non o permitían, polo que os únicos recursos dos que podían botar man os que aquí vivían eran os do mar. O cardenal J. Del Hoyo cando fala desta vila xa nolo expresa deste xeito: “Los vezinos desta villa son todos pescadores y así tienen bibienda por la mar”.

Ninguén soubo aproveitar mellor os recursos do mar que os muxiáns porque non tiñan outro medio para sobrevivir. Carecían de elementos tan básicos como a leña, o leite, os cereais ou outros produtos que o medio agrícola lle podía aportar, mais eles se querían conseguilos tiñan que acudir ás aldeas máis próximas e a través do troco ou do pago en metálico facerse con estes bens. Ás veces, encirrados pola necesidade, arriscábanse a penetrar nas propiedades dos monxes Moraime de maneira ilegal e repañar o que podían, o que lle supoñía a persecución, e nalgúns dos casos, o presidio.

Se durante os períodos de bo tempo resultaba doado extraer os froitos do mar, en tempo de inverno resultaba case imposible practicar a pesca nun mar tan bravo coma este, que obrigaba a manter as embarcacións a resgardo nas rúas do interior urbano ata que chegase a calma. Esta situación obrigou á poboación a crear sistemas de conservación do peixe para dispoñer de alimento nas épocas de invernía. O primeiro método de conservación utilizado foi o secado ao aire libre, logo virían o salgado e afumado.

A xente maior de Muxía e doutros portos da contorna aínda lembra como diante das casas dos mariñeiros sobre uns cordeis ou unhas canaveiras penduraban xurelos, raias, melgachos, pintos ou maragotas para que secasen e logo ilos consumindo pouco a pouco. Tamén se dispoñía na casa dalgún pío para salgar sardiña ou xurelo.

Para o secado de congro, pola súa boa aceptación no mercado, construíanse estruturas de troncos na beiramar, en lugares venteados nos que o curado do peixe se realizase con éxito e poder envialo ao mercado nas mellores condicións. Foi así como naceron os primeiros secadoiros de congro de Muxía, alá pola Idade Media, pois xa temos datos de que a mediados do século XV, se enviaba congro curado aos portos do norte e do Mediterráneo, e desde alí, introducíase en zonas do interior peninsular.

Muxía non foi un porto no que a pesca da sardiña se consolidase como ocorreu nos de Fisterra ou Camariñas, de feito non se instalou ningunha factoría de salga, como houbo nos dous anteriores. Na nosa ría a presenza de cataláns limitouse á vila do encaixe e Merexo. Descoñecemos os motivos polos que estes fomentadores non se asentaron en Muxía, entre outras causas, podería deberse ás malas condicións que presentaba este porto, pero tamén se poderían barallar outros motivos como o que sinala o profesor García Allut, quen investigou as actividades pesqueiras en Muxía, que di que ante a falta de espazo agrícola para producir alimentos, os muxiáns tiveron que practicar unha pesca máis predicible e segura como sería a do congro e outras especies que lle asegurasen o abastecemento de alimento e uns ingresos para adquirir outros produtos dos que carecían, algo que non ocorría coa pesca da sardiña, máis insegura e flutuante, que polo seu carácter peláxico sufría continuas migracións e ciclos de produtividade variables. Unha pesca imprevisible como esta tan só a podían soportar aqueles portos que tivesen un complemento da agricultura que lle aportase alimentos nas épocas en que este peixe fallase.

A pesca do congro sempre foi moi importante para o porto muxián, unha especie que mantiña un prezo relativamente estable pola presenza dos secadoiros que precisaban este peixe para cubrir a demanda de congro seco por parte de vilas e cidades do interior peninsular.

A comezos do pasado século, nunha breve historia de Muxía escrita por Joaquín Currás, recóllese que as dúas industrias máis importantes desta vila eran a do congro seco que se enviaba para Aragón e Castela, e a do encaixe, que se exportaba para diferentes partes de España e de América.

Se reparamos nos datos da lonxa muxiá desde a súa apertura no ano 1945, comprobamos como nesta década e na seguinte, o congro e o abadexo eran as especies que tiñan unha maior presenza. O congro ía todo destinado aos secadoiros e o abadexo salgábase para logo envialo sobre todo ao mercado catalán. 

Rosa Rey no  secadoiro dos Cascóns
Rosa Rey rexentou durantes moitos anos o secadoiro dos Cascóns, o que está indo para a Barca, onde agora está o de Lemar.

Os secadoiros de congro muxiáns por estes anos traballaban a pleno rendemento. Chegou a haber ata cinco, tres na zona da Pena do Abrigo, preto do inicio do actual  dique de abrigo do porto muxián. Aquí situábanse o de Manuel Diz, do  que aínda se conserva o almacén; o de Rosa Rey, Rosa de Sérgido, que anteriormente fora do seu sogro José Paz e de Parada, que constituíran a sociedade “Paz y Parada”. Despois herdouno o fillo de José Paz,  Antonio Paz Vieites, que casou en 1951 con Rosa Rey, e cando esta quedou viúva, pasou a rexentalo ela ata a súa xubilación. Estaba situada na zona dos Cascóns, detrás do de Diz. Neste mesmo lugar, na actualidade, atópase o secadoiro Lemar, que realiza o proceso de secado en cámara. Entre estes dous secadoiros houbera outro, que pertencera a Manuel Sambad. Un cuarto, situado tamén dentro da ría, no lugar da Pena do Pazo, instalárao a familia dos Martínez e máis tarde pasaría a mans dos Sambade. Este desapareceu cando se construíu neste lugar o primeiro peirao.

O quinto instalouse na parte oeste, en mar aberto, na zona da Pedriña. Fundouno Eliseo Leis, que tamén se dedicou á salgadura do abadexo. Polos anos corenta mercoullo José Castro e permaneceu en mans desta familia ata o día de hoxe. Sempre se mantivo activo, é o único que aínda segue a curar congro de xeito tradicional, pero que corre o perigo de desaparecer diante das trabas que lle está a poñer a Consellería de Sanidade por secar o congro ao aire libre, como se veu facendo durante centos de anos.

Houbo secadoiros noutros portos da nosa costa, en Porto do Son, Caldebarcos, Fisterra, Camariñas ou Camelle, mais todos eles xa hai anos que desapareceron e tan só os de Muxía conseguiron resistir os avances tecnolóxicos e os profundos cambios que se deron na sociedade nas últimas décadas. No momento actual só o da Pedriña, rexentado por Miguel Diz, se conserva co sistema de secado artesanal.

Juan Diz avo de Miguel Diz no secadoiro da Pedriña copia
Juan de Diz, histórico traballador do secadoiro da Pedriña, e avó de Miguel Diz, o que rexenta actualmente este sedadoiro

A administración debería comprender que o valor deste secadoiro muxián, vai moito máis alá da súa produtividade económica, pois xa se converteu nun gran referente cultural e turístico de Muxía e de toda a Costa da Morte, como sucede coa cerámica de Buño ou o encaixe de Camariñas, bens patrimoniais que temos que protexer porque constitúen un dos símbolos da nosa cultura e identidade, pero que ademais son recursos que crean riqueza no territorio.

A Costa da Morte, desde hai anos apostou polo turismo, un sector que exixe sensibilidade ambiental e cultural, tamén formación do persoal que traballa neste eido. Se queremos que esa actividade se consolide e permaneza no tempo, haberá que cumprir unha serie de condicións, entre elas ofrecer un patrimonio natural e cultural atractivo, singular e ben coidado. O secadoiro artesanal de Muxía cumpre á perfeccións estas condicións, por iso non se comprende como unha administración pública lle poñe trabas a súa permanencia, que o conducirán ao seu peche.

 

NOVAS RELACIONADAS SOBRE OS SECADOIROS

Xan X. Fernández Carrera.

ARTIGOS de Xan Fdez. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO

OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA

 

Comentarios