Luns. 06.05.2024
El tiempo

O Bm. Camariñas ponse colíder

O Bm. Camariñas ponse colíder

Vitoria moi traballada do Bm. Camariñas en casa dun dos mellores equipos da 1ª División Autonómica. Ponse así o Conservas Boya de colider na segunda xornada de liga, bo comezo para unha longa tempada.

Mentres, na 1ª Estatal, e logo da apurada vitoria da pasado fin de semana, no que non desenvolveu o seu mellor xogo, o Calvo Xiria tiña un novo enfrontamento no Municipal Vila de Noia, para refacerse e amosar a súa mellor imaxe. A resposta ante os máis de 300 siaireiros que ateigaban o Vila de Noia foi moi boa, e a vitoria, contundente.

1ª División Autonómica, xornada 2

  • Resultado: Bm. Pontedeume - Bm. Camariñas (32-38)
  • Balonmán Camariñas: Bruno (p), Iván (p), Eusebio (3), Jaime (2), Sergio (4), Ángel (2), Xabi (2), Borja (7), Catalán (6), Perón (2), Damián (5), Antelo (5).
  • A diferenza do marcador non indica a igualdade dos dous equipos, pois foi o partido moi igualado, con curtas vantaxes dun e outro, ata que no último cuarto de hora o Camariñas impuxo a súa velocidade e a base de primeiras e segundas ondas no contraataque foise distanciando no marcador, chegando a ter a cinco minutos do final unha diferenza de 10 goles, debido a fallos en ataque dos locais, que foron aproveitados pola rapidez dos visitantes.

    De todos os xeitos 70 goles en 60 minutos dinos moito da intensidade do partido, ademais da pouca dedicación defensiva de ambos os equipos. Destacable o feito de que marcasen todos os xogadores de campo do equipo camariñán.

    O vindeiro sábado ás 18:30 no Pavillón Municipal O Areal recibirá o Camariñas ao Poio-Artai un moi bo equipo ao que xa nos enfrontamos en Cópaa Federación, onde os pontevedreses causaron moi boa sensación, e con toda seguridade serán un dos fanfurriñeiros desta liga.

    1ª División Estatal, xornada 7

    • Resultado: CALVO XIRIA 34 – BUEU ATL BM 24.
    • Calvo Xiria 34 (18+11): Iago [p], Ramón, Sergio (4), Zas (4), Brais (1), Manuel (3), Jorge (2) -equipo inicial- Martín G.[p], Calvete (2), Javier (1), Rubén (3), Martín A. (4), Chimpo (2), Pablo (8)

    O partido comezou frío por parte local, coma o público que se deu cita nun bo número, e o equipo visitante foi o primeiro en ter pequenas diferenzas ao seu favor. Apoiados no traballo de Quintela na liña de 6 metros conseguían desequilibrar a defensa carballesa con longos ataques que remataban en lanzamentos cómodos. Tampouco no eido ofensivo amosaba uns bos números o Calvo Xiria. Mais logo de entrar en calor, e con varias contras seguidas que Sergio transformou en gol o partido ía tinguíndose de cor verde, o que provocou que no minuto 17 a adestradora do Bueu solicitase un tempo morto. Mais nada mudou na pista do Vila de Noia e os xogadores carballeses seguiron ao seu, incrementando a diferenza no electrónico ata o 18-11 co que se chegou ao tempo de lecer.

    O segundo acto foi, como o marcador reflicte, un mero trámite. Nin uns nin outros quixeron complicacións e deixaron pasar os minutos de vagar. Ao final dez goles de diferenza que deixan a os carballeses no mesmo posto da táboa clasificatoria e con moitas gañas de seguir sumando puntos nesta liga 2013/14 de 1ª Estatal.

    A vindeira fin de semana o Calvo Xiria desprazarse a Vigo para xogar ante o Lavadores, o sábado ás 18:30 horas.

    Máis información

    Novas relacionadas

    Fonte

    • Redacción de QPC ([email protected]).
    • Notas de prensa do Balonmán Camariñas e do Balonmán Xiria.

Comentarios