A Aldea das Letras abre os ollos a outros mundos para seguir facendo país
Un ano máis, a Aldea das Letras, o pequeno lugar do Couto, convertiuse no epicentro da cultura galega. O Festiletras 2014, que arrincaba coa celebración do Premio Rosalía de Castro á Fundación Eduardo Pondal, foi toda unha demostración da capacidade aglutinadora, formadora e creadora desta brava aldea. I é que comprobar que a cada actividades, a cada evento, a cada actuación, a veciñanza responde dun xeito espectacular é todo un luxo. De feito, nunca houbo tanta xente nos obradoiros, e a Casa dos Veciños quedouse pequena unha e outra vez para as actuacións, con público non só do Couto, se non tamén chegados dende León, Burgos, Asturias, e, como non, de toda Galicia.
Dende o venres e ata o domingo, pequenos, medianos e maiores puideron disfrutar das actividades artelladas polas xentes das AC Monte Branco, AC Inllar, Colectivo Con V de Valarés, Coral A Oliveira de Monte Branco e a Fundación Eduardo Ponda. Unha marea de comprometidos organizadores que, ao longo destes máis de 30 anos, só pensan en “facer país”, que puideron completar neste 2014 nunha das edicións máis fermosas que se recordan, na que mesmo o tempo respostou de marabilla.
E segue medrando o programa do Festiletras, segue espallando as súas fontes e este ano mesmo houbo participación euskalduna e portuguesa. Un xeito importante de espallas as nosas olladas, de abrir a fiestra do mundo e botar un ollo onde inspirarse, para non ficar sempre centrados no noso propio embigo.
Así, ademais da XXXII Feira da Artesanía, un dos puntos máis interesantes foi o “I Encontro de Aldeas Singulares” ou ese xeito de darlle a volta ao mundo, e de devolver ás aldeas o seu papel protagonista. Isto é, ollar ao mundo, pero dende e para as aldeas, baixo a idea do: “Se queres ser universal, fala da túa aldea”.
Artesanía, música, danza, literatura, conferencias, xogos, roteiros, regueifa, convivencias, ilustración, fotografía, monólogos, teatro, gastronomía… todo cabe na aldea das Letras.
Fantásticas foron as noites de risas da Casa da Oralidade, con Xosé Touriñán e Isabel Risco.
De máxica podemos catalogar a noite con Oreka TX, cun Joao Afonso que quixo invitar a Xabier Díaz para crear unha atmósfera diferente.
Divertidísimos foron os obradoiros de maios, a cargo de Oli Xiráldez, e o obradoiro de txalaparta, a cargo de Oreka TX, facendo que pequenos e maiores se atrevesen co curioso instrumento vasco.
Polo día o protagonista foi o Tren das Letras, que paseou a centos de viistantes polo roteiro pondaliano. Houbo tempo para disfrutar dunha fantástica sesión vermú.
Pois aí seguen, un ano máis facendo país dende unha pequena aldea de Bergantiños. De feito, o lema da última xornada "A Aldea que quería facer país" queda corto, e xa lle podemos chamar "A aldea que fai país".
E que sexa por moitos anos!!
Máis información
Novas relacionadas
- A Fundación Eduardo Pondal é galardoada co V Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura.
- Festiletras 2014: Comeza a arrecender a cultura na Aldea das Letras.
- Adrián Varela: “Non cremos o suficiente na nosa zona”.
- Festiletras 2013: As grandes actuacións encheron a Aldea do Couto de Letras.
- Festiletras 2013: O Festiletras arrincou a ritmo de vogal.
- Festiletras 2012: Cheo tras cheo no espectacular Festiletras da aldea do Couto.
- Festiletras 2011: Hai canteira para a Festa das Letras do Couto.
- A mocidade que forma.
- Unha Escola de Verán distinta na Fundación Eduardo Pondal.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).