Venres. 03.12.2021
El tiempo

A concentración parcelaria en Ponteceso abre 15 km de novos camiños

A concentración parcelaria en Ponteceso abre 15 km de novos camiños
Imaxe de Nemeno - Ponteceso

A Xunta de Galicia concluirá ao longo deste mes a primeira fase dos traballos para crear a rede principal de camiños da concentración parcelaria dos lugares de Cores e Nemeño, no concello de Ponteceso

As obras, que executa a empresa Seaga, supoñen a apertura de 15 quilómetros de novas vías e o condicionamento dalgúns tramos xa existentes cunha lonxitude de 4,7 quilómetros. Os camiños terán unha anchura de cinco metros e está prevista a construción de tres pontes nas interseccións co rego da Chanca.

O propósito desta actuación é o de dar acceso á totalidade das novas fincas resultantes da concentración e mellorar a conexión entre os diferentes núcleos de poboación da zona. O comezo sufriu un lixeiro retraso respecto á data inicialmente prevista, co fin de non prexudicar aos propietarios con colleita pendente de recolección, aínda que na actualidade avanza segundo os prazos previstos.

Segunda fase

Tras esta primeira fase, comezarase coa segunda para acondicionar os camiños secundarios, que estará rematada no segundo trimestre de 2013. A concentración de Cores-Nemeño afecta a 390 hectáreas de terreo, pertencentes a 302 propietarios. Das 2.837 parcelas iniciais, pasouse ás 408 fincas finais.

O proceso de concentración parcelaria inclue, por unha banda, a realización dos servizos técnicos para investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, o deseño de creación dunha rede axeitada de camiños que permiten o acceso a novas fincas e o tránsito de máquinas agrícolas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta.

comentarios