Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Asociación Cultural Viastela prepara un completo verán arredor da figura de Mourelle da Rúa

Programa Asociacion Viastela
A Asociación Cultural Viastela prepara un completo verán arredor da figura de Mourelle da Rúa

A pandemia, e a crise municipal pontecesá deixou nun segundo plano unha data tan singular como o Bicentenario do Almirante Mourelle da Rúa. Apenas a veciñanza, os trasn@s e un par de activistas culturais como María Suárez e Suso Lista se preocuparon de recuperar a historia duns dos navegantes máis importantes da historia mundial.

Precisamente para que non quede no esquecemento, e para poñer en valor a figura de Mourelle, nace a Asociación Cultural Viastela. Nace da man dun grupo de xente diversa de Corme e da comarca (Suso Lista, María Suárez, Óscar Rey Calo, Xosé Manuel Varela e Fernando Vidal Collazo) unidos polo amor da cultura, historia e o patrimonio cormelán, bergantiñán e galego.

E nace cun acto este sábado 19 de xuño ás 18.00h na Praza da Ribeira. Despois da presentación dos valores da Asociación, terá lugar o primeiro Encontro co título “Mourelle nos Mares do Sur”, no marco do 271 aniversario do seu nacemento e 241 aniversario da viaxe da Princesa. A charla rondará sobre esa viaxe, sobre a fame que pasaron, a invasión de cucarachas e como foron recibidos polo rei das Illas Babao.

A partir de aí e coa idea de colaborar con outras asociacións para seguir afondando no patrimonio material e inmaterial da comarca, e facendo iniciativas como a reedición do libro de Landín, que xa está en marcha, presentarán o seu programa de actos de cara a este verán.

E é bastante completo. A seguinte semana, o 26 xuño, haberá un novo Encontro, desta volta, sobre os “inicios da navegación científica”, falando de grandes navegantes como Mourelle, pero tamén como Cook, Malaspina ou La Perouse.

Para xullo teñen previstos varios encontros, pero tamén audicións musicais, roteiros culturais, xornadas literarias e actividades ecolóxicas. E a actividade non parará en agosto, tamén con roteiros, exposicións..

Xa sabedes, seguide a etiqueta #bicentenariomourelleenCorme para coñecer toda a historia desta figura.

Novas relacionadas

Comentarios