O Comercio, hostalaría, empresas e servizos primarios de Ponteceso tamén apagan a luz
Non cesan as mobilizacións do sector servizos na Costa da Morte. Xa vimos o peche do luns do comercio e hostalería de Baio, e as manifestacións de Vimianzo e Ponteceso. Vimos como o Comercio de Cee decide apagar a iluminación nocturna. E hoxe recollemos unha nova iniciativa que nace do comercio, hostalaría, empresas e servizos básicos de Ponteceso.
Unidos estes sectores envían esta carta:
O Comercio, hostalaría, empresas e servizos primarios de Ponteceso queremos expresar a nosa preocupación pola inseguridade que se nos presenta coa actual situación de encarecemento de servizos básicos e materias primas indispensables para o servizo dos nosos negocios, e de poder manter os nosos postos de traballo así como o d@s nos@s empregad@s.
Moitos destes negocios con máis de medio século de vida sobrevivindo a épocas moi duras e de moita fame, sacando adiante os mesmos a base de moito traballo e sacrificio.
Non nos entra na cabeza que a especulación de empresas privadas aducindo calquera excusa se aproveite sempre dos mesmos, do pobo e das pemes.
Por todo isto, polo desamparo como consumidores finais e tamén como xeradores de emprego vémonos na obriga de reducir costes a pesares de devaluar a nosa imaxe, uníndonos a outros concellos con propostas similares poñendo en marcha esta campaña alcumada “E ti vas apagar ou vas pagar?” que ademais de servir como protesta axude a baixar un chisco a factura da enerxía que en moitos casos duplicou o seu valor.
Non pode ser que o sistema tarificador dun servizo básico estea deseñado para o maior beneficio posible das empresas que os ofrecen, con fórmulas obscenas e abusivas.
Esto sería extensible a outros servizos básicos como son os combustibles e mesmo a banca, nacida, criada e rescatada cos nosos cartos.
Cremos que estas deben de seguir unhas pautas reais coa sociedade, e co seu poder adquisitivo para que sexan sostibles para uns e para outros.
Pedimos comprensión ós clientes xa que e ben sabido que o produto entra polos ollos, e para iso é necesaria a electricidade, pero un servizo básico non pode ser un luxo, e moito máis nun país con excedente da mesma, sobre todo en Galicia
A campaña abarca desde o apagado de rótulos ata escaparates, ou todo aquilo que sirva de reclamo a modo de transmitir que o noso medio de vida se apaga lentamente afogado pola codicia duns poucos e amparado por leis que non demostran nin a máis mínima empatía cunha poboación na que a maioría vén de dar unha importante lección de respecto e de ética no transcurso da pandemia.
- Asdo: Comercio, hostalaría, empresas e servizos básicos de Ponteceso.