Sábado. 20.04.2024
El tiempo

"Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme"

Un viravento e duas gruas nos terreos da familia Gomez Gomez
Un viravento e dúas grúas traballando nos terreos da familia Gómez Gómez, sen que elas soubesen nada
"Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme"

Seguen sucedéndose situacións esperpénticas arredor do Parque Eólico de Corme. Durante este mes, mentres o parque sofre unha polémica repotenciación (que soe acarrear moitas trampas para os afectados), xa temos visto un veciño cortar un camiño con leña para evitar o paso das máquinas, un veciño (son moitos na mesma situación) denunciando que leva 19 anos, si, 19, sen cobrar, tendo un viravento na súa finca; e ata temos visto unha reunión na que a empresa e unha Asociación de Veciños acusándose de prevaricación.

Pero o que lle acaba de pasar a unha familia emigrada é para contar nun filme, pois levan 19 anos sen saber que teñen un muíño nas súas fincas.

Cómpre remontarse 25 anos atrás, cando os avós de Mari Cruz e Manuela Gómez Gómez marcharon, de Corme, para Barcelona. A día de hoxe, son 3 irmáns que vivenen Barcelona emáis en Málaga, pero a familia exténdese por Suiza, Polonia. Andan arranxando os temas de herencia, que teñen nos xulgados por diferentes situacións e a semana pasada estiveron en Corme para coñecer a terra na que se criaron pero á que tampouco volveran nos últimos anos.

Así que cando chegaron a ver as fincas da familia na zona das Lagoas, viron que había un viravento e dúas grúas desmontándoo, e quedaron sorprendidas porque a familia nunca permitiu, nin sequera tiña consciencia, do uso da finca para montar un eólico. ”Ninguén da empresa, nin do Concello, se puxeron en contacto cos propietarios dos terreos, nin co noso avó, que ademais seguro que dicía que non co cabezón que era, nin con nós”, explica unha das netas. “Veñen invadir os terreos que son nosos, e eu non podo facer o que me pete con eles porque hai un eólico?”

”Xa escoitáramos algo do Parque Eólico, pero pensas que non te afecta, e ves camiñar e dis, anda mira!”, sinalan sorprendidas de saber que levan 20 anos sen cobrar, e que, segundo outros afectados da vila poderían chegar a recibir ducias de miles de euros polo aluguer das zonas.

Despois da sorpresa do primeiro día, o día seguinte volveron a falar cos operarios das grúas que están desmantelando o seu viravento. “Dixémoslle que non tiñan permiso, pero intentaron ata meternos medo, dincido que a empresa está denunciando aos veciños que sen interpoñan para que asuman os gastos de ter á maquinaria para os gastos de ter a maquinaria parada. Pero a nós non nos meten medo”, sinala contundente.

Na mañá do xoves, xusto antes de volverse para Barcelona, visitaron o Concello e a Garda Civil. Da man do seu avogado, presentaron alegacións ante o Concello de Ponteceso, e ante a Consellería de Industria.

Non puideron presentar denuncia ante a Garda Civil, e mesmo sinalan que no cuartel de Ponteceso non lle facilitaron as cousas para presentala, se ben confían que entre o proceso xudicial que xa teñen aberto a nivel familiar pola herencia e estas alegacións, o asunto siga o seu curso.

Armadas de paciencia, a familia vai ter que pasarse pola Costa da Morte máis veces para ir vixiando como se desenvolve outro caso de proxecto eólico onde a falta de transparencia, e a polémica, son as protagonistas.

Novas relacionadas co Parque Eólico de Corme

Comentarios