Os non adscritos lémbranlle ao alcalde de Ponteceso os quefaceres pendentes

Pasan os meses pero non se relaxa a tensión política en Ponteceso. O Pleno segue a ser unha ola a presión, e o goberno socialista en minoría segue sen poder sacar adiante proposta algunha. Así o comprobamos esta semana co repaso aos 16,5 millóns que a Deputación deixa este ano na Costa da Morte co gallo do Plan Único, dos que nin un céntimo serán para Ponteceso.

”A situación de Ponteceso é dunha gravidade máxima, e o Alcalde lonxe de querer solucionala, complicaa máis”, denuncian os concelleiros non adscritos noutro comunicado no que lamentan a eterna parálise municipal.

Os 5 edís ex socialistas e mais o concelleiro expulsado do PP reiteran que “o señor alcalde, só él é o responsable de que Ponteceso quedara sen o Plan Unico 2021”. E critican que levase ao pleno as súas propostas “sen ningún tipo de consenso nin reunión previa e o día anterior de que rematase o plazo, e nos posteriores plenos seguiu na mesma línea sen cambiar nin un punto da sua proposta”.

Denuncian ademais “o cambio de estratexia” do alcalde, que semella que agora tende a man a APIN e ao novo PP e “aos demais concelleiros quere ignorarnos coma se non existiramos”.

Ante esta situación, os 6 edís queren lembran que o grupo de goberno ten varias cousas pendentes, como a “auditoria externa das contas do Concello”. “Hai moitos proveedores sin cobrar incluso do ano 2015”, lembran).
Lembran tamén que ten que responder ante o pleno por que se perdeu a millonaria subvención do IDEA para renovar todo o alumeado público.
E ademais, denuncian a situación laboral dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar, que levan “en precario dende hai máis dun ano porque non quere afrontar a contratación do servizo”.

Os edís propuxeron tamén unha baixada de impostos, e piden que se faga política municipal doutro xeito: “Non ás chantaxes, non aos desprezos”.

 

NOVAS RELACIONADAS