Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A xustiza obriga ao alcalde de Ponteceso a contratar a auditoría externa das contas municipais que aprobou o pleno

Pleno de Ponteceso sen alcalde
A xustiza obriga ao alcalde de Ponteceso a contratar a auditoría externa das contas municipais que aprobou o pleno

Xa respondeu a Xustiza á demanda do alcalde de Ponteceso contra o seu propio pleno, para investigar as gravacións ilegais que se fixeron no seu despacho difundidas por un medio de comunicación afín.

O auto xudicial rexeita a solicitude do alcalde, Lois García Carballido, de deixar sen efecto diversas mocións plenarias aprobadas nos últimos meses e que obrigou á corporación plenaria a contratar un avogado e un procurador que defendera os intereses do Concello das denuncias interpostas polo rexedor.

“É triste que teñan que ser os xuíces os que impoñan a democracia neste municipio”, asegura o portavoz do Partido Popular, Daniel García Cotelo “Non imos consentir que os caprichos de tres persoas sigan a prexudicar aos nosos veciños, que teñen todo o dereito do mundo a que se controlen as contas municipais, se faga un regulamento do Servizo de Axuda no Fogar ou se saiba dunha vez por todas o que sucede no despacho da alcaldía”, asegurou o portavoz popular, en alusión ás supostas gravacións de conversas que acabaron saíndo á luz pública.

García Cotelo lembra que “graváronse e difundíronse conversacións privadas nunha dependencia municipal, e queremos saber con que autoridade se instalaron cámaras, quen as instalou e se aínda están instaladas”, insistiu García Cotelo, que considera o auto xudicial un “varapalo ás ansias absolutistas de Lois García Carballido, que cre que pode gobernar despois de botar aos seus concelleiros do grupo de goberno e de crer que ten unha maioría coa que xa non conta”.

“Insistimos unha vez máis en que o PSOE provincial e mesmo o rexional deberían tomar cartas neste asunto, porque o dano que se está a facer a todo o pobo de Ponteceso é xa demasiado, e foi provocado por eles”, conclúe.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios