Presentado o proxecto dun novo embarcadoiro para a flota tradicional en Ponteceso


A pasada mañá de mércores, Portos de Galicia presentaron á Corporación e os usuarios do porto de Ponteceso a proposta de mellora do embarcadoiro para embarcacións tradicionais menores da localidade. Esta proposta contempla a construción dunha rampla e dous módulos de pantalán de atraque ademais dunha pasarela de 16 metros no río Anllóns.
A construción desta rampla servirá para que os usuarios do porto de Ponteceso poidan disfrutar tamén dunhas instalacións náutico recreativas nun espazo de interese natural, no corazón do Concello, nun enclave natural e de lecer. Ademais, así poderá encallar o barco areeiro Dunas do Anllons.
A actuación está orzamentada en 200.000 euros e os prazo estimado para o inicio das obras, de non xurdir imprevistos sería a principios do último trimestre deste mesmo ano.
Obras
Para a construción da rampla farase previamente unha plataforma duns 154 metros cadrados de superficie perpendicular ao río Anllóns no lugar que ocupa a rampla actual, de forte caída, quedando a superficie fora das crecidas do devandito río.
Desa plataforma sairá sensiblemente paralela ao río, cara a desembocadura, a rampla, de 5 metros de ancho e 45 de lonxitude cunha pendente do dez por cento. Esta actuación levará una protección do noiro con escollera natural que impedirá os efectos das enchentas do río Anllóns.
Embarcadoiro
Por outra banda, o embarcadoiro estará composto por dous módulos de pantalán en forma de T, no cauce do río Anllóns, que estará enlazada á plataforma cunha pasarela de doce metros que sae perpendicular á beira do río, apoiando nun módulo de pantalán de catro metros. A zona de atraque terá unha lonxitude de doce metros e tres de ancho. O acceso ao embarcadoiro estará controlado co correspondente portalón de aluminio.
Novas relacionadas
- O barco areeiro comeza a surcar as "Dunas do Anllóns" .
- O PP presenta en solitario o proxecto de Cereixo Porto Xacobeo.
Fonte
- Nota de prensa de Portos de Galicia.