Problemas en Ponteceso por mor dunhas facturas familiares
Esta semana, o Concelleiro do PSOE de Ponteceso, Lois García Carballido, facía pública unha nota de prensa na que acusa ao goberno municipal de practicar o favoritismo cara o pai da Concelleira Susana Cousillas.
E hoxe fai matizacións o alcalde pontecesán, que asegura que "é absolutamente falso que o goberno municipal pagase algunha factura ao pai da Concelleira Susana Cousillas". Explícase Fondo Aguiar afirmando que "a factura que el alude pertence ao tío da Concelleira, pero non ao pai"... E destaca a transparencia do Concello pois "a Concelleira Susana Cousillas abstívose na votación do pago destas facturas".
Ademais, o alcalde indica que de outro concelleiro do PSOE, Santos Rial, "forma parte da relación de pagos que faremos co crédito ICO". Por iso se sorprende o grupo de goberno, que non entende que "o PSOE de Ponteceso e o BNG se opoñan ao pago a autónomos e pequenas empresas do Concello e Ponteceso. Máis chamativo é aínda o voto en contra do Sr. Santos, que obstenta o cargo de Presidente da Asociación de Empresarios de Ponteceso".
Remata o alcalde de Ponteceso cunha boa frase que define a actitude de goberno e oposición nesta negativa vida política municipal: "Esta situación só amosa o que realmente representa o PSOE de Ponteceso: A mentira, os ataques persoais gratuítos, sumado a un gran descoñecemento sobre o funcionamento do Concello e lexislación vixente".
Novas relacionadas
- Ponteceso prepara un Nadal contra o cambio climático.
- A Xunta apura o proceso de concentración parcelaria de Cores-Nemeño.
Fonte
- Nota de prensa do PP de Ponteceso.