A xustiza obriga ao alcalde de Ponteceso a contratar a auditoría externa das contas municipais que aprobou o pleno
Xa respondeu a Xustiza á demanda do alcalde de Ponteceso contra o seu propio pleno, para investigar as gravacións ilegais que se fixeron no seu despacho difundidas por un medio de comunicación afín.
O auto xudicial rexeita a solicitude do alcalde, Lois García Carballido, de deixar sen efecto diversas mocións plenarias aprobadas nos últimos meses e que obrigou á corporación plenaria a contratar un avogado e un procurador que defendera os intereses do Concello das denuncias interpostas polo rexedor.
“É triste que teñan que ser os xuíces os que impoñan a democracia neste municipio”, asegura o portavoz do Partido Popular, Daniel García Cotelo “Non imos consentir que os caprichos de tres persoas sigan a prexudicar aos nosos veciños, que teñen todo o dereito do mundo a que se controlen as contas municipais, se faga un regulamento do Servizo de Axuda no Fogar ou se saiba dunha vez por todas o que sucede no despacho da alcaldía”, asegurou o portavoz popular, en alusión ás supostas gravacións de conversas que acabaron saíndo á luz pública.
García Cotelo lembra que “graváronse e difundíronse conversacións privadas nunha dependencia municipal, e queremos saber con que autoridade se instalaron cámaras, quen as instalou e se aínda están instaladas”, insistiu García Cotelo, que considera o auto xudicial un “varapalo ás ansias absolutistas de Lois García Carballido, que cre que pode gobernar despois de botar aos seus concelleiros do grupo de goberno e de crer que ten unha maioría coa que xa non conta”.
“Insistimos unha vez máis en que o PSOE provincial e mesmo o rexional deberían tomar cartas neste asunto, porque o dano que se está a facer a todo o pobo de Ponteceso é xa demasiado, e foi provocado por eles”, conclúe.
NOVAS RELACIONADAS
- Xullo 21: Sindicatos e oposición denuncian vexacións do alcalde de Ponteceso contra a Policía Local.
- 13-07-21: Denuncian a carencia de servizos das praias con Bandeira Azul de Ponteceso.
- 12-07-21: O PP de Ponteceso tamén denuncia ante a Fiscalía as gravacións na alcaldía.
- Xuño 21: Protección Civil de Ponteceso pide axuda á Xunta para acabar con situación de ingobernabilidade.
- Xullo 21: A oposición pontecesá volve á carga contra un ausente alcalde.
- 9-10-2020: Os edís chantaxeados de Ponteceso queréllanse contra o alcalde e contra La Voz de Galicia .
- 27-10-2020: Carballido cambia a Xunta de Goberno e a Provincia Socialista abre expedientes aos 3 edís gravados con cámara oculta.
- 26-10-2020: Marco Varela: “Vergonza”.
- 25-10- 2020: Chantaxe ou montaxe?.