Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O BNG de Santa Comba denuncia unha campaña de difamación contra o candidato Juan Sixto

Juan Sixto e a lista do BNG de Santa Comba
Juan Sixto e a lista do BNG de Santa Comba con Bieito Lobeira
O BNG de Santa Comba denuncia unha campaña de difamación contra o candidato Juan Sixto

O BNG denuncia a campaña de acoso contra o seu candidato en Santa Comba con falsas e graves acusacións que se están a distribuír a través de notas en caixas de correos e tamén polas redes sociais. Tanto o candidato como a organización nacionalista presentarán denuncias xudiciais e diante da Xunta Electoral dun ataque no que está a participar unha persoa da candidatura do PP de Santa Comba.

"Son completamente falsas e un ataque contra min como candidato do BNG polo que, de maneira urxente, decidín poñer en coñecemento da Garda Civil os acontecementos para que tomen medidas contra os autores", comenta Juan David Sixto.

Ademais da denuncia do candidato, o BNG está a estudar outras medidas para facer fronte a un "ataque que pon en cuestión o candidato e provoca un grave prexuízo a súa persoa e tamén a súa familia que non podemos permitir", sinala a responsábel comarcal da formación nacionalista, Elvira Cienfuegos.

Esixen responsabilidades penais e políticas polas "prácticas caciquís e mafiosas"

Esta mañá acompañou nunha rolda de prensa ao afectado o responsable de Organización do BNG, Bieito Lobeira, que acusou ao PP de "prácticas caciquís e mafiosas" e instou a Alfonso Rueda a que "pare xa este despropósito porque en política non todo vale".

O propio Juan Sixto falou na súa intervención dunha "estrutura organizada" que ten como obxectivo "meter medo nunha campaña completamente carroñeira mais non nos van facer calar". Anunciou que, ademais da denuncia xa presentada, dirixirase á fiscalía xa que hai menores implicados e informou de que hai xa "unha persoa identificada que está a participar na difusión da difamación".

 

Comentarios