Martes. 16.04.2024
El tiempo

Brúan as vacas en Fisterra

Brúan as vacas en Fisterra

Ese faro sonoro, hoxe mudo, era un rumbo invisible con sabor a caldo e lareira nos pensamentos, roupa seca e algarabía no peirao, nese fermoso peirao pequeno, aló, na fin da terra. As vacas de Fisterra son xa un símbolo nacional para tódolos galegos e para a memoria colectiva dos amantes do mar, que na espesa néboa da memoria, coma nun soño perpétuo, escoitan o máxico bruar desas bugüinas de salitre invocando a ledicia amatoria de chegar, san e salvo, o benquerido fogar.

A seguinte páxina desta historia mariña escribírona os meus compañeir@s, poetas e poetisas, que recompuxeron un exército de batallóns literarios, os batallóns do mar, para que as dúas bocinas se escoiten de novo aló no faro antergo, como patrimonio cultural inmaterial da nosa Nación e tamén da UNESCO, como necesaria homenaxe as reivindicacións gandeiras do noso agro e as xustas peticións da flota artesanal de cerco que protestan polo zancadilla europea sobre o pan de cada día dos pobres do sur en beneficio dos ricos do norte. Europa, ese circo de ricos e pobres, esa gran traxi-comedia.

O sábado 19 de Setembro de 2015 foi un día importante para todos nós, os que aínda agochamos esperanza no faiado dos nosos pensamentos máis profundos, ilusionados desta volta polo canto unánime dos cisnes cantores proclamando a verdade co respaldo dun pobo, xa máis desperto, que, nesta ocasión, dende a lonxa ata o faro, secundaron a palabra reunida en tan impresionante escenario no berce dos ventos da costeira atlántica por fin unida. Algúns estivemos na tan necesaria retagarda, apoiando dende outros escenarios máis humildes, pero coas mesmas ansias de pedir xustiza para os nosos gandeiros e mariñeiros o mesmo tempo que pedimos a restauración das nosas sinais identitarias propias que algún becerro insiste en secuestrar …. unha e outra vez. Pero cando a salitre do mar percorre as túas veas ou cando a terra ten para ti o valor da vida, ningún corvo negro remediará ese balbordo incontrolable dos que berran con forza de mar e terra pedindo xustiza, coa razón na mochila, e co oceano cun carreiro no medio como única bandeira libertaria.

Que bruen de novo as nosas vacas de Fisterra!!

Revolucionariamente.


  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios