María Pose, alcaldesa de Santa Comba por terceira vez trala nova moción de censura

Malia que podía pasar de todo, e máis no marco da singularísima situación política municipal de Santa Comba, todo transcorreu sen sorpresas. A terceira moción de censura en apenas 13 anos convertiu de novo a alcaldesa a María Pose. É a terceira vez que a popular recolle o bastón de mando, como xa fixo en 2014 trala dimisión do entón alcalde, e en 2016 trala histórica moción de censura contra o socialista Ucha Velo.
Desta volta, e sen público no salón de plenos, o alcalde saínte era David Barbeira. O único edil de CxG, nomeado alcalde gracias aos votos do PSOE, non cumpriu a palabra de rotar a alcaldía ao remate dos dous primeiros anos de lexislatura. Unha decisión que provocou que o propio Ucha Velo, chamado a ser alcalde nestes dous últimos anos de mandato, apoiase unha moción de censura coa popular María Pose como candidata á alcaldía.
E chegou o día. Barbeira fixo un discurso en clave de despedida, e cada voceiro expuso as razóns que nos levaron ata aquí. Pose lembrou que é a lista máis votada e se queixou da “parálise” municipal. E Ucha cargou contra a falta e consenso do que foi o seu “socio” de goberno, que o obrigou mesmo a investir á alcaldesa que o botou do cargo en 2016.
Finalmente, como se esperaba, non faltou ningún edil do PP; Ucha Velo e a concelleira Cristina Fajín cumpriron co seu acordo de votar a Pose, sendo pois un total 8 votos a favor da súa investidura, fronte ás 4 abstencións dos outros edís socialistas e o voto en contra de Barbeira. María Pose volvía ser alcaldesa.
Maria Pose arroupada polos membros do PP de Santa Comba co baston da alcaldia-2021
Queda pendente ver como queda a situación do PSOE xalleiro, onde leva Ucha 20 anos á fronte, tralas palabras de Gonzalo Caballero de que a Secretaría Autonómica vai abrirlle un expediente. Un Ucha que é o gran protagonista das 3 mocións de censura, nunha situación única, pois dúas foron presentadas contra el, e esta mesma participa activamente na investidura da súa eterna rival cando lle debería tocar a el asumir o mando.
Ucha Velo, sen dúbida, un dos grandes protagonistas da vida municipal xalleira
Barbeira, alcalde saínte
Desta volta foi un pleno sen público, pero que se emitiu por Youtube:
NOVAS RELACIONADAS
- 09-06-2021: A situación política de Santa Comba. Un caso único en Galicia?.
- 02-06-2021: Audios e cifras do maremoto político de Santa Comba.
- 01-06-21: David Barbeira non cede o bastón da alcaldía de Santa Comba e PP e PSOE presentan unha moción de censura.
- 18-05-21: O PSOE de Santa Comba solicita a execución da alcaldía rotatoria,
- 15-06-19: #CarruselElectoral: David Barbeira, alcalde de Santa Comba cun único edil gracias aos apoios do PSOE.
- 2016: Santa Comba xa ten o seu 7º alcalde en 9 anos.