O Obradoiro de Emprego dual “Conecta2018” rematou co 100% das actuacións realizadas
Rematou esta experiencia dual, formativa e laboral, para os 20 alumn@s dos Concellos de Santa Comba, Mazaricos e Dumbría, no Obradoiro de Emprego “Conecta2018”. Onte tiña lugar a entrega de diplomas no Pazo de Santiso de Santa Comba, nun acto no que non quixeron faltar os representantes políticos dos 3 concellos, ademais, da directora do Obradoiro, Anabel Piñeiro.
Anabel Piñeiro con David Barbeira, alcalde de Santa Comba, Juan Blanco, alcalde de Mazaricos, e Iván Pequeño, concelleiro de Dumbría
Eran dúas as especialidades: “Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión” e “Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”. E lóubanse dende o Obradoiro de ter executado o 100% das actuacións previstas.
Entre elas destacaron, en materia de electricidade, as melloras nos alumeados públicos de Berdeogas, Bustelo, Olveira, Olveiroa e o Ézaro en Dumbría, a mellora no sistema de iluminación interior na Casa do Concello e na Casa da Cultura de Mazaricos onde se instalou nova iluminación led co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, diversas melloras tamén no pavillón deportivo, na piscina municipal ou na Rúa Castelao e no Lugar de Lago.
En canto a especialidade de limpeza, destacan os traballos de mellora de solos na Casa da Cultura, no edificio Multiusos e na Vivenda Comunitaria no Concello de Santa Comba así como as limpezas realizadas nas instalacións deportivas dos Concello de Mazaricos e Dumbría.