Martes. 19.03.2024
El tiempo

O Pactómetro: Santa Comba

O 15 de xuño teñen que estar constituídos os novos plenos de cara á nova lexislatura. 9 dos 18 Concellos costeiros vivirán unha prácida entrada, onde teñen maioría absoluta o PSOE (Camariñas, Dumbría, Muxía e Ponteceso), BNG (Carballo, Mazaricos e Zas) e PP (Cabana e Laxe).

Quedan pois pendentes dos posibles pactos, ou de gobernos en minoría os seguintes concellos: Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Malpica, Muros, Santa Comba e Vimianzo.

Xa vimos como está a cousa en Carnota, CeeCorcubiónFisterraMurosMalpica,e Vimianzo. Hoxe toca irmos ata Cee.

Candidatos de Santa Comba
A día de hoxe calquera goberno é posible entre José Antonio Ucha Velo (PSOE), David Barbeira (CxG) e María Pose (PP)
O Pactómetro: Santa Comba

CxG, clave en Santa Comba

En Santa Comba, o PP aproveitou os últimos tres anos de goberno dende a moción de censura, ademais da integración do grupo TEGA (co que fixo a moción e gobernou), sumando 500 votos máis que en 2015 e un concelleiro, e arrebatando o posto de forza máis votada ao PSOE, que baixou uns 250 votos pero que se mantén cos mesmos 5 concellos. Unha situación semellante á de 2015 pero á inversa.

Formúlase peza chave os dous edís colleitados por Compromiso por Galicia. A formación de David Barbeira entra con moita forza no pleno, e podería formar goberno con calquera das dúas formacións embestindo a María Pose ou a Ucha Velo.

O propio David Barbeira atópase en semanas de moito traxín. Valora dun xeito tremendamente positivo a súa irrupción. “Creo que fomos os grandes vencedores destas eleccións. O PP non cumpriu o seu obxectvo, o PSOE tampouco, pois ningún conseguiron a maioría absoluta. E nós temos 2 concelleiros, un resultado mellor imposible para están recén chegados”. Para Barbeira, “a clave foron estes dous anos de traballo cercano á xente, o porta a porta, intentando mediar co concello tras escoitar os problemas da xente, sobre todo coa xente nova, que se sintou moi importante no proxecto. Tivemos moitas reunións con rapaces e rapazas de 18 a 25 anos, que se sentiron agradecidos e partícipes e creo que iso foi fundamental. Moita rapazada dicíame cando o chamaba para falar con ela, “é que a min a política non me tal…”, pero ao final ves que se se sinten partícipes teñen moito que aportar”.

Por iso, considera que “Santa Comba pediu un cambio e nós imos traballar para conseguilo. Nós imos buscar a alcaldía, e se non, a ver que pasa”, explica, mantendo firme a súa promesa de non formar gobernos de coalición. “Por agora non tivemos reunións, si tiven contacto por teléfono, pero por agora non sabemos o que imos facer”, matiza deixando claro que ten boa relación con ambos candidatos. "De non conseguir a alcaldía, no pleno formación de investidura votaremos por nós mesmos, ou se cadra apoiaremos unha candidatura pero nós nos manteremos na oposición”.

A popular María Pose, a actual alcaldesa e a forza máis votada, valora como moi positivos os datos, unha vez que superou mesmo valores de 2007. "A mensaxe foi clara e polo tanto estamos ilusionados con esta nova lexislatura e con tódolos obxectivos que temos marcados para o noso concello, e que foron refrendados nas urnas. O pobo aprobou o traballo do goberno liderado por María Pose e castigou a oposición destructiva do Sr. Ucha que é o perdedor destas eleccións, baixando en votos e quedando a máis de 400 sufraxios do PP". 
Asegura que non hai aínda ningunha decisión tomada e espera as vindeiras reunións para avanzar os posibles acordos para formar goberno, ou simplemente gobernar en minoría como a forza máis votada.

Dende o grupo socialista, José Antonio Ucha Velo, valora os resultados de xeito relativo, pois consciente de perder 200 e pico votos, valora que “non os resultados que esperábamos pero non son malos. Estamos na mesma posición pero á inversa, de xeito que o PP, co respado do goberno non foron capaces de conseguir unha maioría. Por iso creo que o pobo pide cambio, e que o PP está nun fin de ciclo”.
Ucha teno bastante claro, e considera que “hai que deixar que a natureza segue o seu curso, e se hai necesidade de cambio, nós temos que estar á altura haberá”. Por iso tende a man a Barbeira: “Nós imos ser xenerosos, poderemos formar goberno con nós na alcaldía ou non, pero sempre formando un goberno de maioría, un goberno estable, porque non quero estar pendente de que me poidan chegar a facer unha terceira moción de censura. A ver quen supera iso… Se CxG está disposto a formar goberno de coalición teremos un goberno alternativo. Se non, Barbeira terá que explicar por que non aposta polo cambio”, apunta, apuntando que non cre que CxG sexa capaz de facer un pacto coa dereita.

Nese entido, deixa claro que “o PSOE non vai investir a ninguén alcalde, nin a nós mesmos, se non hai un pacto de goberno. Ou hai unha maioría de coalición, ou haberá goberno en minoría, e un goberno en minoría sería inviable”. “A obrigación non é só sacar aos que están, senón tamén é formar un goberno esrable”.

Apunta que aínda está todo por falar, pero considera que “isto está resolto en poucos días”.

Todas as novas das Eleccións

Artigos relacionados

Comentarios