Martes. 19.03.2024
El tiempo

O Pactómetro: Vimianzo

O 15 de xuño teñen que estar constituídos as novas corporacións de cara á nova lexislatura. 9 dos 18 Concellos costeiros vivirán unha prácida entrada, onde teñen maioría absoluta o PSOE (Camariñas, Dumbría, Muxía e Ponteceso), BNG (Carballo, Mazaricos e Zas) e PP (Cabana e Laxe).

Quedan pois pendentes dos posibles pactos, ou de gobernos en minoría os seguintes concellos: Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Fisterra, Malpica, Muros, Santa Comba e Vimianzo.

Xa vimos como está a cousa en Carnota e en Corcubión. Agora toca irmos ata Vimianzo:

Monica Rodriguez Manuel Antelo e Raquel Rodriguez Candidatos a alcaldia de Vimianzo 2019
A socialista Mónica Rodriguez, o candidato de Adiante Vimianzo Manuel Antelo e a popular Raquel Rodriguez protagonizan un panorama político incerto na capital soneirá
O Pactómetro: Vimianzo

Vimianzo: Minoría ou pacto Adiante-PP

Outro dos concellos que máis vivíu a onda #PedroSánchez foi Vimianzo. Un Concello no que se viviu un auténtico envorco electoral, e onde o PSOE pasou de 1 a 6 concelleiros (de 424 a 2.165 votos) dende a última lexislatura, non só quitando a maioría absoluta que ostentaba o grupo de Manuel Antelo (que a gañara co BNG e que se agora presentaba como Adiante Vimianzo) senón que situándose como primeira forza a un paso da maioría absoluta.

Mónica Rodríguez, a candidata máis votada, considera que “a integración deste novo PSOE, unido, co traballo de Paula e mais eu traballando conxuntamente, e a cercanía aos veciños durante estes catro anos”, foron máis importantes para o ascenso electoral que a onda Sanchez e que o “deterioro do grupo de goberno”, pero valora que “todo foi vento a favor”.

Sobre que facer de aquí ao día 15, teno claro. “Pensamos gobernar en minoría, como fixo Antelo en 2011, cando gañou por apenas 300 votos sobre IxVim. Agora quedamos a un pé da maioría absoluta e temos unha posición moito máis clara. Imos respectar 100% o resultado do acto democrático do domingo. As matemáticas falaron, nós gañamos e consideramos que debemos gobernar. Somos conscientes de que non temos maioría absoluta, pero temos que dialogar con todos”, explica.

En todo caso teñen claro que “non hai posibilidades de pacto co PP, niso si que somos rotundos”. E tamén parece absolutamente imposible un virtual pacto de goberno co partido de Antelo.” Antelo non está facendo unha visión real dos resultados, os está desvirtuando. O día 15 imos votarnos a nós. Esperamos que non haia actitudes maquiavélicas dos outros partidos. Se eles queren facer un atentado contra o pobo de Vimianzo, nós teremos que respectalo, pero esperamos que nos deixen gobernar como a forza máis votada”.

Posible pacto BNG-PP?

Nesta tesitura, só se formulan dúas situacións: goberno en minoría de PSOE, ou pacto Adiante Vimianzo-PP. Nese sentido, Manuel Antelo que tamén pecha rotundamente a posibilidade de pacto co PSOE (“este non é o PSOE, é o PSOE ocupado por unha familia, e o único contacto que tiven ca candidata “socialista” foron reproches”) asegura que “temos unha posición boa. Nós debémonos a Vimianzo e sen prexuízos, nós non imos pechar en banda a chegar a un acordo co PP, porque nos debemos a un proxecto local, e non temos ataduras de siglas”, explica á expensas de posibles vindeiros contactos. “Coa portavoz Raquel e con Kiko Calzas non tivemos nunca especiais dificultades”, apunta deixando a porta moi aberta a ese posible pacto.

“O si que digo é que non imos estar como meros espectadores, sentados nun sillón mirando a televisión. Somos unha forza determinante para a gobernabilidade ou para a oposición e o xogo político está aberto e nós queremos xogar”, apunta, recoñecendo que son conscientes dos erros que os levaron a perder a maioría absoluta, como “a sintonía de non saber trasladar que as pequenas cousas, e fundamentais como limpezas, mantemento… se seguían facendo porque igual fixemos demasiada incidencia nos grandes proxectos”. Antelo tamén recolece que “foi clave o conflito interno, que empezou 3 meses despois da nosa investidura con maioría absoluta en 2015, e que non soubemos resolvelo ata 3 meses antes destes comicios, e nos paralizou bastante.

A outra pata da posible coalición amósase aberta a todo. Raquel Rodríguez valora primeiro positivamente uns resultados nos que case doblaron en votos e pasaron de 1 a 2 concelleiros. “A xente ve en nós unha oportunidade, estamos satisfeitos, pero tamén sabemos que estamos nunha situación importante. Non hai maiorías absolutas. Uns e outros teñen que contar con nós, sexa en minoría ou maioría, os nosos votos serán fundamentais”, asegura consciente de que “temos un papelón complicado”.

”Nós de momento non valoramos ningunha opción, aínda non fixemos a nosa reunión. Vexo moito bullicio na prensa, pero nós estamos esperando a que nos chamen, son eles os que teñen que dar o paso. Pero dende logo que non poñemos hai liñas rojas, a xente votou, hai pouca diferencia, e o pobo está dividido e hai que dialogar”.

Todas as novas das Eleccións

Artigos relacionados

Comentarios