Rescatan un condutor que caía ao río Tapia tras sufrir unha saída de vía.
Continúan os días de incidencias nas estradas da comarca debido á presencia de placas de xeo. Unha das máis graves acontecía durante a mañá deste pasado xoves en Santa Comba, na estrada de San Cristovo a altura de Grixoa.
Un home, que viña de recoller os regalos de Reis pasadas as 10:30h, sufría unha saída de vía e caía ao río Tapia. Un particular chamou ao 112 que mobilizaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santa Comba, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.
O vehículo estaba arrastrado pola forza da auga e atopábase parcialmente somerxido, e o condutor estaba liberado pero non podía saír do coche por culpa da intensidade da corrente fluvial nese momento.Os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento tiveron que empregar cordas para axudar o home a saír do turismo sinistrado.
Unha vez liberado, o home foi evacuado en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
Para evitar que sigan acontecendo estes sinistrs, a Agrupación de Protección Civil de Santa Comba estivo botando sal polas estradas secundarias e pola contorna das zonas escolares.
Novas relacionadas
- 07-01-2020: Piden a anulación da volta ás aulas este 8 de xaneiro polo estado das estradas:
- 07-01-2021: Envorca un camión de porcos en Quintáns
- 07-01-2021: Nova mañá de incidencias nas estradas.
- 05-01-2020: As xeadas provocan numerosas incidencias nas estradas.