Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unhas 2.000 persoas gozaron Vimianzo por Semana Santa

semana santa vimianzo 3
Na Translatio de Cereixo
Unhas 2.000 persoas gozaron Vimianzo por Semana Santa

Tiña moitos focos de atracción a Costa da Morte nesta Semana Santa. E moitos compatibles. Houbo que antes de visitar a Mostra de Encaixe de Camariñas, parou no Castelo de Vimianzo, ou quen aproveitou a visita ás procesións de Fisterra para coñecer o fermosa que é a Mostra Víndemo Ver de Carnota, e de volta, tamén pararon en Vimianzo.

Houbo tamén quen escolleu Vimianzo como destino final, e de feito, o Castelo foi un rebulir toda a ponte. Contabilizan unhas 2.000 persoas as que se animaron a participar nas visitas guiadas e teatralizadas, así como nos paseos con historia, polo patrimonio municipal, e polo Castelo de Vimianzo, gozando do tesouro que representa a mostra de artesanía en vivo.

semana santa vimianzo
As visitas teatralizadas do Castelo de Vimianzo son un referente na provinca

Visitas como as dos batáns e muíños do Mosquetín, o Castro das Barreiras ou Cereixo acadaron aforo completo, demostrando o enorme interese que xeran estas iniciativas entre a poboación.

Outra moita xente decidiu aproveitar por libre seguindo rutas como a dos dolmens, Penedos da Pasarela, Vieiro Fidalgo, Muíños de Cambeda, Val de Vimianzo ou encoro da Fervenza.

“Vimianzo é un destino referencia”, afirmou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen destacou “ o rico patrimonio natural e cultural do que gozamos nas nosas terras, que atrae visitantes de toda Galicia e de fóra das súas fronteiras”. A rexedora afirmou que o éxito da programación turística é tamén moi importante para o impulso da economía local.

semana santa vimianzo 2
Os Batáns do Mosquetín

Comentarios