A Xunta anuncia que manterá aberta a Escola de Carnés
Mobilizarse vale para moito. Así o podemos corroborar coa nova decisión da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que vén de anunciar, tralas protestas dos veciños da zona, que manterá aberta a Escola Unitaria de Carnés durante o vindeiro curso 2014-2015.
A comezos de mes enteirábanse que a Xunta quería pechar o centro, e comezaron a alzala voz, manifestarse publicamente e mesmo enviaron un cento de reclamacións á Xunta contando sempre co apoio do Concello de Vimianzo.
Hoxe, a Xunta anunciou que “detectou un erro no reconto do alumnado por parte da Inspección educativa que agora queda subsanado”. I é que como denunciaban as nais e pais dos nenos afectados, eran 6 os pre-matriculados xa para o vindeiro curso cando a Xunta esixen un mínimo de 5.
Argumentan dende a administración que “a confusión xerouse debido a que, nun momento do proceso, a nai dun alumno matriculado nesta escola comunicou a intención de trasladalo a outro centro, pero finalmente deixou sen efecto dita decisión”.
Pero tamén avisa: “Non obstante -ao igual que no resto dos centros-, no mes de setembro a Consellería comprobará que o número de alumnos escolarizados se axusta á realidade, é dicir, que coincide co número de matriculados. De non ser así, procederá a adoptar a decisión que corresponda”. E deixa claro que “procederase ao peche dunha unitaria sempre e cando non supere os cinco alumnos matriculados ao remate do período ordinario de matrícula”.
Satisfacción no Concello
O Concello de Vimianzo mostra a súa satisfacción polo paso atrás da Consellaría de Educación á hora de pechar a Escola Unitaria de Carnés. Lembran que "dende o Concello apoiouse en todo momento a reivindicación das nais e pais, fixéronse as xestións posíbles para ter un encontro cos responsables da Consellaría de Cultura e Educación e enviáronse distintas reclamacións en contra do peche da escola. O alcalde, Manuel Antelo, quere agradecerlle as nais e pais e a veciñanza de Carnés a súa loita contra o peche da escola e o apoio a todas aquelas persoas que dende moi diversos puntos se solidarizaron con eles. Grazas a todas e todos a Escola de Educación Infantil de Carnés continuará aberta".
Satisfacción na Fedanpa
A federación de ANPAs da Costa da Morte considera moi positivo que o centro escolar de Carnés continúe aberto neste novo curso escolar e se lle asigne a praza docente que agardaba toda a veciñanza, as familias da comunidade escolar, grupos políticos, colectivos sociais e o alcalde do concello de Vimianzo.
Consideran que "todas e todos debemos loitar polo Ensino Público Galego e de Calidade, como base para o futuro das vindeiras xeracións, porque as nosas fillas e fillos non son simples números nuns expedientes, son persoas e teñen os seus dereitos. Por iso debemos manter a escola viva nas zonas rurais".
E amosan o seu punto de vista: "Pechar escolas no rural implica o desprazamento do alumnado aos centros educativos alonxados do seu domicilio, provocando desarraigo do alumnado da súa contorna, a infravaloración da cultura rural e o despoboamento incesante do rural galego".
Novas relacionadas
- 18-08-14: O Concello de Vimianzo reclámalle á Consellaría de Educación que manteña aberta a Escola Unitaria de Carnés.
- 14-08-14: Os pais e nais de Carnés envían máis de 100 reclamacións á Xunta contra o peche da escola infantil.
- 10-08-14: Carnés mobilízase contra o peche da escola unitaria.
Máis novas sobre a loita contra a LOMCE
- A ANPA do CEIP de Malpica esixe unha solución aos problemas de persoal.
- Os pais e nais de Carballo piden o mantemento da novena unidade de Educación Infantil do CEIP Fogar.
- As ANPAS inciden na volta ao sistema de préstamo universal de libros de texto.
- As Anpas Galegas conclúen en Vimianzo que hai que seguir mobilizándose polo ensino público e de calidade.
- A Costa da Morte móllase polo ensino público.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).