Avelino volve ao Vimianzo MOLA: “A lingua galega aforra cartos”

Afronta o Castelo de Vimianzo unha finde moi especial. O proxecto Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes) chega ao seu momento cumio, cunha programación tremendamente completa.
Dende onte xa e ata o domingo haberá numerosas actividades. Unha delas, para pechar a xornada do venres, ás 20:30h no propio Castelo, será o expectáculo” Galego para abrir mundos”, do noso benquerido Avelino González, lenda viva do teatro galego.
- Moi boas Avelino, que pracer volver falar contigo! Volves á Costa da Morte. Que che inspira esta comarca?
Pois igual tendes que empezar por cambiar o nome, porque sodes bastante máis que costa. Hai anos descubrín que iso de chamarlle Costa da Morte foi porque os ingleses tiñan a teima de afogar aí. E vós que culpa tendes de que os ingleses lles dera por ir afogar aí?
Pero sobre todo iso, cando se fala da Costa da Morte provoca que se esqueza que aí hai moito máis que costa, terra adentro hai moita vida. En Vimianzo, por exemplo, onde agora teño contacto co bastante rapazada de aí, resulta que a rapazada de aí, son de Vimianso, con fachenda.
Ademais hai outra cousa. Eu son dunha zona de Vigo que falamos como os de Vimianso. Eu digo “pensén”, por exemplo, como alí. Temos moitas cousas en común.
- Que traes a Vimianzo? De que se trata ese “Galego para abrir mundos”? Nós lembramos moito aquela achega que fixeras a Carballo co gallo do Día dos Medios en Galego no que tamén lanzabas humor en clave lingüística. Vai polo mesmo camiño?
Levo unha conferencia espectáculo para botar unhas risas arredor dos prexuizos que hai coa lingua, pero non só coa lingua galega, senón con moitas linguas. Imos botar unhas risas. Con esta conferencia espectáculo demostro, ollo pais de familia e rapazada, que o galego aforra cartos, e tamén aforra tempo de estudo.
Hai moita tontería vestida de malas intencións, e o humor é a mellor ferramenta para dicir e para demostrar as cousas. Ademais hai que dicir que hai cousas que só se poden icir en fgalego se queres que che entendan ben, senón, non te entenden.
- As novas relacionadas coa lingua foron crúas o pasado inverno. Como vives esta situación lingüística?
Hai xente que leva moitos anos con acabar co galego. Lembran o primeiro número do Faro de Vigo que na súa primeira páxina dicía claramente que unha das súas teimas sería que “acabar con el gallego”. Sempre me pregunto se se refiren á lingua ou ás persoas… Non sei, pero son tempos de cambio, por un lado mete medo, pero outro lado fascíname. Estou tan encantado como acojonado, pero estou seguro, como dicían os vellos, que “somos célula de universalidade”, e hai cousas que só podemos aportar ao mundo nós e a nosa maneira. Fai falta a nosa aportación galega en galego, para un mundo máis feliz. Somos absolutamente necesarios.
- Que che parece este Vimianzo MOLA (Murais, Oralidade, Literatura e Artes)? Que che parece que ten de diferencial?
Na variedade está o gusto, aquí hai moito que gustar e degustar. Seguro que hai cousas que lle interesen a todo o mundo, algo que lle interese mirar ou facer a calquera persoa. Porque unha das cousas que ten este ciclo de Vimianzo MOLA, é que non é unha cultura pasiva, disto que de que chegas, sentas e estás cun paisano que che bota unha chapa (mesmo senod un monólogo, un teatro…) hai moitas cousas para poder participar.
No meu espectáculo tamén hai moita participación, para a xente máis tímida.
Máis info e programa completo
GUADALUPE