Domingo. 08.09.2024
El tiempo

A cativada despediu con alegría o Vimiverán

CLAUSURA VIMICAMPAMENTOS 3
A cativada despediu con alegría o Vimiverán

O Concello de Vimianzo clausurou na mañá deste venres, 30 de agosto, os campamentos ‘Vimiverán’ 2024, que contaron con éxito total de participación nas catro quendas establecidas.

Á clausura do campamento ‘Vimichef’, que celebrou unha xornada de portas abertas, acudiu a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que agradeceu ás persoas participantes e aos monitores o seu traballo ao longo destes meses. Por outra banda, á clausura do ‘Vimideporte’, que presentaron o seu Día do Baile, acudiron o concelleiro de Deportes, Sergio Miñones, e a edil de Benestar Social, María José Pose.

Durante as sesións tiveron lugar múltiples actividades con alto contido educativo nas que se trataron, de maneira transversal, temas fundamentais para a vida en sociedade como a diversidade, a igualdade, o coidado do medio ambiente, a protección animal, a inclusión, a reciclaxe, o consumo en comercios locais, etc.

CLAUSURA VIMICAMPAMENTOS 2
Os vimichefs

A primeira quenda deu comezo o 24 de xuño e un total de 84 rapaces e rapazas puideron gozar dunha programación especial polo Asalto ao Castelo, con actividades relacionadas con esta tradicional celebración no municipio.

O 1 de xullo iniciouse a segunda quenda, que contou coa participación de 145 pequenos e pequenas. Nestas dúas semanas incluíuse unha das principais novidades deste ano, o Vimiastronomía, centrado no descubrimento e coñecemento do ceo e que contou coa participación de 45 persoas.
De maneira paralela leváronse a cabo o Vimideporte, centrado na actividade física, con 85 nenos, e o Vimidixital, centrado na aprendizaxe das novas tecnoloxías, con 15 persoas.

A terceira quenda comezou o 22 de xullo con 125 nenos e nenas inscritas, repartidos entre o Vimideporte (108) e o Vimichef (17). Nesta modalidade, a rapazada puido aprender diferentes receitas e realizar varias saídas para recoller os produtos necesarios para facelas.

O pasado 12 de agosto comezou a última quenda con 113 nenos inscritos. Nesta ocasión, foron 89 os que gozaron durante estas dúas semanas do Vimideporte e 24 do Vimichef.

Comentarios