Martes. 30.04.2024
El tiempo

Coñecendo, dende a escola, o patrimonio arqueolóxico

Alumnado do IES terra de Soneira No Dolmen de Pedra Cuberta
Alumnado do IES terra de Soneira no Dolmen de Pedra Cuberta
Coñecendo, dende a escola, o patrimonio arqueolóxico

Esta semana, o alumnado da ESO do IES Terra de Soneira gozou dunha xornada completa. Unha desas saídas que serve para fixar, para converter en reais coñecementos adquiridos nos libros. Unha saída patrimonial para debullar os tesouros históricos que agocha a Ruta das Antas da comarca de Soneira.

Os protagonistas xunto coa súa profesora Lorena Suárez
Os protagonistas xunto coa súa profesora Lorena Suárez

Este proxecto comezou no curso pasado durante a materia Proxecto Competencial da que estaba a cargo a profesora Lorena Suárez. Un proxecto transversal, que inclúe varias fases. Os alumn@s Doudo Sarr e Nagore Alvarellos Couto tiveron que buscar información e características destes restos arqueolóxicos. A primeira fase consistiu en investigar o número de dolmens e as características de cada un; nunha segunda fase, crearon unha presentación con fotografías e a información recollida e, por último, organizaron unha excursión para mostrarlles toda esa riqueza megalítica aos seus compañeiros e compañeiras da aula e compartir con eles todo o aprendido durante o ano académico.

Como no curso pasado non dera tempo para visitar os monumentos, houbo que esperar ao comezo deste curso. E vaia sorte tiveron! Porque coincidiron no dolmen de Pedra Cuberta cos arqueólogos Lino Gorgoso, codirector de Adro Arqueolóxica SL xunto con Ángel Acuña; e Fernando Carrera da Universidade de Vigo, levando a cabo a restauración e a dirección e todo un equipo sacando a relucir as pinturas rupestres coas que aínda conta o dolmen. Non podemos esquecer que todo o proxecto está coordinado desde a Universidade de Santiago de Compostela, polo xefe científico e catedrático Ramón Fábregas.

Lino Gorgoso e Fernando no Dolmen de Pedra Cuberta
Lino Gorgoso e Fernando no Dolmen 

Tanto Lino como Ángel explicáronlles á rapazada en que consistía o proxecto: escavar, buscar novas pinturas, catalogalas e volver a tapar todo, tapar máis aínda do que xa estaba para protexelo ben. Posiblemente, pasen moitos anos antes de volver a ver todo o seu interior polo que a experiencia de poder ver as pinturas seralles inesquecible.

Doudou e Nagore animan a que todo o mundo aproveite estes últimos días do mes para ver os traballos que se están a facer neste momento. A finais deste mes volverán a tapar todo coa finalidade de volver a traballar no dolmen nos próximos anos se as administracións se interesan por eles.

E quen sabe, incluso facer algo parecido ao que se fixo co dolmen de Dombate, en Borneiro.

A excursión completa foi un percorrido pola Ruta das Antas: arrincou na Caseta de Freáns, en Bolaño; continuaron polo dolmen do Rabós e as súas posibles màmoas; e, a partir de aí, xa se dirixiron ao Dolmen de Pedra Cuberta. Non quedaba moito tempo máis aínda puideron coñecer a Pedra da Moura (en Carneo) e a Pedra da Lebre (en Serramo). En breve terán que coñecer o Dolmen da Piosa e o de Reguelle.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios